The Wild promove un concepto de festival deseñado para toda a familia, onde os pequenos terán tamén o seu espazo, un lugar para divertirse e aprender.

OBRADOIROS
The Wild aposta pola educación e a sensibilización dos máis pequenos xa que ben é certo que o futuro estará nas súas mans.
CONTOS E CANTOS DO BARDO ABELARDO
Grazas á música, o Bardo Abelardo conseguiu traducir á linguaxe dos humanos os sentimentos dos seres que moran no interior das fragas, rios e mares.
Como ten a cabeza chea de paxaros, voa de vila en vila e de cidade en cidade contando e cantando historias que falan de paz, solidariedade e respecto á natureza.

O Bardo Abelardo está dentro do proxecto “Cuco” de cultura contra a mudanza climática, unha proposta de educación ambiental 100% cultural e 0% contaminante, para reducir no máximo a nosa pegada ambiental. É por esta razón que apostamos polos medios de transporte público, ecolóxicos e pola cultura de proximidade.


SIMPLEMENTE ENRICCO
A Compañía de Circo Simplemente Enricco presenta a historia deste peculiar mago. Lonxe da súa seria aparencia, o mago Heinrich é un desastre coa maxia. Case nunca lle saen os trucos ou nótase a trampa. Aínda que nalgún momento do espectáculo, mesmo para sorpresa de Heinrich, comezarán a ocorrer cousas misteriosas e inexplicables.

Onde non hai trampa nin cartón é nos complicados xogos malabares e arriscados equilibrios que non defraudarán ao público, coma por exemplo, unha estrutura de funambulismo, na que Heinrich logrará levitar!
Preparádevos para este misterioso e marabilloso espectáculo de MAXIA!
XOGANDO MIUDIÑO
Espazo de xogo libre con brinquedos tradicionais.
Un espazo de xogo diferente, no que atoparás brinquedos clásicos como: zancos, aros, a ferradura, tiracoios, construcións…

En “Xogando Miudiño” hai un espazo de brinquedos sonoros para a exploración musical, un espazo de medios de locomoción e outros pequenos xoguetiños cos que seguro non has quedar indiferente.
A diversidade do material ofertado permite brincar, experimentar e gozar, poñer a proba habilidades de puntería, equilibrio, velocidade ou estratexia con diferentes xogos e xoguetes que van mudando para poder explorar novas posibilidades de xogo.
TALLER RELAXACIÓN TÉXTIL
Conecta co teu interior.
Descobre os efectos positivos de tramar nos téxtiles para a saúde, convidámosche a experimentar unha técnica de crear un complemento co teu corpo anoando tecidos, similar a outras actividades como o ioga, anoar e entrelazar téxtiles favorece a relaxación, a concentración e a meditación.

Experimentaremos sobre a intuición da cor, da soltura das túas mans e sobre todo a conectar cos demais cunha actividade diferente e divertida.