Categorías
THE WILD BLOG

Documentais de natureza a non perder a golpe dun par de ‘clics’

Os mergullos do Capitán Cousteau, os lobos de Félix Rodríguez de la Fuente ou Sir David Attenborough percorrendo e amosándonos o planeta enteiro.

Por Juan de Castro Programador do ‘The Wild Cinema’

Seguro que algunhas das túas primeiras imaxes inesquecíbeis do mundo natural e da biodiversidade foron da man dalgúns destes pioneiros dos documentais.

A divulgación científica e da natureza sempre avanzou grazas a colosos como eles, que entraron nos nosos fogares pola segunda canle do noso vello televisor. Aínda agora, esta canle de televisión pública estatal segue a ser o buque insignia da difusión dos grandes documentais internacionais.

Antigamente só National Geographic, a BBC ou algunhas produtoras europeas sacaban adiante a produción e distribución destes filmes de natureza. Agora son moitos máis os que teñen a capacidade de producir e difundir estes contidos; empresas de roupa deportiva e de aventura como Patagonia ou de bebidas como Red Bull son xa grandes produtoras de documentais, podedes consultar nas súas webs numerosos contidos moi orixinais.

Nas plataformas de filmes a demanda ou tamén no universal YouTube existe moitísimo material de gran calidade á vosa disposición.

En YouTube, tendes de balde a serie de documentais Human, un intenso retrato da humanidade, ou a magnífica e imperdíbel Baraka. As mesmas canles en YouTube de National Geographic e de BBC Earth teñen múltiples e magníficos filmes que merecen un visionado.

Fotograma do documental Baraka

Os abonados a Netflix podedes aproveitar para ver Our Planet do mítico Attenborough, narrado aquí por Penélope Cruz. Destaca tamén no plano máis activista o filme Ivory Game. Na canle Discovery Chanel podedes visionar a suxerente miniserie Planet Earth I e II.

Para os que teñades a estupenda plataforma Filmin recoméndovos a galega Tempo, de Manuel Valcárcel, a serie Human Planet, xa antiga mais merece un visionado. E un sinfín de pezas máis. Por citar algunhas: Nanook, el esquimal, Happy People: Un año en la Taiga, El viaje de Jane…

Artigo publicado no suplemento APRENDER de NÓS DIARIO (2/10/2020)