Categorías
THE WILD NEWS

Alumnos do CEIP Ría de Vigo crean o Bosque da Lingua: Xela Arias

Celeste Conde | Responsable de Prensa The Wild

O festival multidisciplinar The Wild leva a cabo un programa de concienciación medioambiental cos alumnos de 6º de primaria do CEIP Ría de Vigo. Un evento no que a dirección do centro de ensino facilitou e apoiou xunto coa Comunidade de Montes.

Así, este venres 14 de maio, o alumnado de 6º de primaria do colexio, puido gozar dunha camiñada polos sendeiros de San Miguel de Oia, coñecer o conxunto etnográfico de Os Muíños de Gontade e crear o Bosque da Lingua: Xela Arias, composto por un total de 12 carballos, un
por cada aula do centro, conmemorando deste xeito o Día das Letras Galegas.

Neste sentido, os rapaces e rapazas puideron aprender e executar todo o proceso de plantación, así coma coñecer as características botánicas da especie. Posteriormente, os diferentes cursos de primaria da escola irán visitar a zona e deixarán os seus poemas e escritos na árbore correspondente ao seu curso.

Miriam Gesteiro, coordinadora do proxecto, afirma que esta actividade “non só é saudable, senón tamén divertida e educativa para os nenos, conseguindo que coñezan mellor a súa contorna, que descubran a importancia de respectar o medio ambiente. Ao mesmo tempo, conmemoran dun xeito diferente o Día das Letras Galegas e a escritora e poeta Xela Arias, tan vencellada a cidade de Vigo e con ligazóns na nosa zona ”.


Categorías
THE WILD BLOG

Educar as pequenas no coidado da Terra

Nestes tempos de confinamento e televisión, aproveitemos para revisar coas futuras habitantes da Terra pezas audiovisuais que lles transmitan realidade e esperanza. Promovamos tamén unha mirada crítica fronte ao consumismo irracional

Juan de Castro, Xestor e programador do The Wild Fest

Para comezar forte propoño unha viaxe máxica co filme brasileiro O menino e o mundo, de Alê Abreu. Cun estilo sinxelo e cunha creatividade desbordante, cóntanos a través dos ollos dun neno o descubrimento dun mundo hostil e complexo. Unha marabilla da animación infantil, cun ritmo quedo e silente, que fará tamén acougar os actuais cardíacos cativos.

Non poderían faltar nesta listaxe calquera título do Studio Ghibli, con Hayao Miyazaki á cabeza. Ben a entrañábel O meu veciño Totoro, ben a aventura total de A princesa Mononoke, poden ser un bo arranque para que
nenos e nenas tomen conciencia e partido na defensa da natureza, xa que focalizan nos cativos a acción, empoderándoos nesta tarefa.

Aínda que resulte tópico, sempre lembrarei o filme Cairo Branco como
un certeiro exemplo para entender a parte máis salvaxe da natureza e da fauna. A historia do gran Jack London pode causar unha gran pegada para os desnortados púberes, transmitíndolles esa igualdade entre todos os seres
que poboamos o planeta.

Fotograma do Filme Cairo Branco (1991)

Pouco coñecido e moi conmovedor é o filme Efraín de Yared Zeleke. Cóntanos a historia dun neno etíope que descobre unha nova relación coa natureza e cos animais. Ideal tamén para viaxar a outras realidades xeográficas. Para que os cativos entendan o que pode supor o derretemento dos polos, nada mellor que as imaxes do explorador Robert J. Flaherty en Nanook, o esquimó, filme que aló por 1922 amosaba a insólita vida cotiá dunha familia Inuit.

E remato cunha cinta ben recente e localizada no noroeste ibérico, Entre pastores e lobos, gañadora de dous premios no último Suncine, precioso e máxico relato da necesaria simbiose entre humanos e animais.

Artigo publicado no suplemento APRENDER de NÓS DIARIO (5/1/2021)

Categorías
THE WILD BLOG

The Wild Cinema, unha experiencia audiovisual salvaxe

Contra todo prognóstico e adversidades o festival multidisciplinar The Wild decorreu os días 5 e 6 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia (Vigo), un dos lugares con mellores vistas ás Illas Cíes

Por Juan de Castro, Xestor e programador do “The Wild”

Un evento para familias e público cun alto nivel de concienciación nos seus hábitos de consumo e de ocio, xa que todas as accións do festival orbitan fervorosamente ao redor de tres eixos fundamentais: a ecoloxía, a natureza e vida saudábel.

Inicio con esta pequena crónica, unha serie de artigos co obxectivo de difundir pezas cinematográficas que, ademais de posuír unha rica linguaxe no sector, comungan coa protección do medio e co decrecemento enerxético e de consumo que precisa de nós o planeta.

Partirei da programación do The Wild Cinema, que este ano tivo como liña principal a urxente necesidade de coidado das árbores e das masas forestais. O filme escollido para abrir a sección oficial foi Treeline, the secret life of trees (Jordan Manley 2019), unha fermosa peza documental, galardoada co Gran Premio no Mendi Film Festival, que delata a perda daconexión entre o ser humano e o mundo natural.

Fotograma de O Monte é Noso de Llorenç Soler

Tiveron tamén un espazo importante os montes galegos con O monte é noso (Llorenç Soler 1977) e Eucalyptus (Elena R. Flores, Miguel Souto, 2018) os cales, xunto coa presentación e debate da directiva da Comunidade de Montes de San Miguel de Oia, puxo de manifesto o traballo de recuperación e xestión no último medio século dos montes do mancomún, un dos fenómenos máis ricos, democráticos e construtivos que temos nas nosas terras.

Emprázovos pois á vindeira edición do The Wild, co cinema e todas a súas actividades paralelas. A mensaxe é clara, xeremos conciencia e cultura ecolóxica utilizando para iso todas as ferramentas que temos da nosa man.
A miña é o cinema.

Artigo publicado no suplemento APRENDER de NÓS DIARIO (12/09/2020)