Juan de Castro · Xestor e programador do The Wild Fest
O documental galego ‘Entre pastores e lobos’ vén de gañar
o Premio do público e o de Cine Sostíbel no prestixioso
Festival Internacional de cine do Medio Ambiente Suncine.
Merecida lombeirada para un filme de fermosa riqueza
etnográfica e natural.
Coa fecunda produción cinematográfica galega de ficción adoitan ser escasos os traballos de carácter medioambiental e de natureza. Unha sorte, pois que Manuel Pedrosa e o seu equipo tiveran a ben traernos un filme tan redondo e puro.
A película lévanos aos vales e prados da Serra da Queixa, aos montes bastos e senlleiros do macizo central ourensán. Estes montes noutrora máis poboados e activos comezan a amosar o seu declive poboacional. Son as testemuñas dos poucos pastores que aínda resisten, os que nos amosan a vida sen domingos nin festivos nestas terras bravas de cabras, lobos e corzos.
Os teimudos e quedos pastores, e a pastora poeta Nieves, por suposto, introdúcennos nunha vida de inmersión e comuñón coa vida apegada a terra e aos seus ritmos, de vagar e en conivencia coas “bestas”, en especial cos queridos por uns e temidos por outros, os lobos. Un animal magnífico, que ligado ao home desde tempos ancestrais está sempre no debate dunha convivencia aínda sen resolver. Sempre perde o máis feble cando o instinto loita contra a orde e o desenvolvemento.
Acompaña en toda a peza unha banda sonora exquisita e o bo facer dos realizadores e biólogos, que ademais dun esmerado guión, construíron con tesón unhas gravacións dos lobos no seu hábitat natural da serra loitando pola súa supervivencia, coma nós. O filme non deixa atrás as tradicións máis místicas e lúdicas desas terras como o adorado Entroido, do cal os galegos somos devotos.
Os nosos montes e os seres que o habitan están mudando. Nuns casos para ben e noutros para mal, segundo para quen, é o equilibrio propio dos ecosistemas. Cando os humanos desaparecen os animais voltan, uns son necesarios pero outros son continxentes. Cales?
Artigo publicado no suplemento APRENDER de NÓS DIARIO (27/03/2021)