Juan de Castro, Xestor e programador do The Wild Fest
O Festival Internacional de Cinema Ambiental da Serra da Estrela, CineEco, vén celebrándose no precioso municipio de Seia dende 1995, no mesmo Parque Natural e baixo as montañas máis altas do país veciño.
Como moitas accións culturais portuguesas, esta tamén decorre devagar e sen grandes fastos, mais cunha calidade, excelencia e agarimo polo traballo ben feito que sempre ruboriza e provoca envexa dos nosos veciños e o seu bo facer cultural.
Ao longo destes 25 anos, o festival tivo, segundo o seu director Márlo Branquinho, a mesma evolución que o movemento ecoloxista: dos documentais sobre a natureza e desastres medioambientais a filmes de temáticas diversas, abstractas ou tratando cuestións “puramente ambientalistas”. O mesmo ocorre cos formatos e as vías narrativas, sempre en renovación.
O CineEco é un festival importante, a súa pegada é grande en Portugal. O feito de levar a 40 cidades do país as súas proxeccións, co obxectivo de mudar conciencias xuvenís, e teren organizado o I Fórum Internacional de Festivais de Cinema de Ambiente, en 2018, fai deste un festival en continuo crecemento e innovación. No seu ideario, e nas súas accións, está moi presente o fomento do diálogo entre os diferentes axentes medioambientais así como a fuxida da “moda ambiental”, algo ben comprensible co recomendado visionado de The Green Line (Warner Boote) filme co que abriron a súa edición de 2018.
Na edición de 2020, a 26º, recibiron máis de 600 filmes de 40 países diferentes. Basta con botar un ollo ao seu catálogo e palmarés do 2020 para quedar abraiado coa riqueza da selección e das múltiples temáticas abordadas.
Dastacaron na edición pasada o filme portugués Mar de Lixo de Tânia Paiva y El tren de los piés ligeros, de Miguel Coelho. E para os cativos a preciosa curta O peculiar crime do Sr. Jacinto, de Bruno Caetano.
Poucos imaxinan a gañadora do Grande Prêmio Ambiente: O que arde, si.
Artigo publicado no suplemento APRENDER de NÓS DIARIO (Febreiro · 2021)