Categorías
THE WILD BLOG

“Mi maestro el pulpo”, ou como facer psicoterapia cun polbo

Juan de Castro | Xestor e programador do The Wild Fest

Cando pensabamos que xa o miraramos todo, este inusual documental sudáfricano codirixido por Pippa Ehrlich y James Reed achéganos a unha historia de amor e simbiose entre unha polbiña e un humano en horas baixas. Si, leron ben.

Os feitos e a obra tráennos o relato do descubrimento por parte Craig Foster, un realizador baixo unha forte depresión, de que a súa terapia sanadora atopábase baixo o mar.

Como no filme Arrival, Denis Villenueve (2016), no que a protagonista experimenta unha conexión moi profunda e sublime con xigantescos cefalópodos extraterrestres, unha conexión emocional e dialéctica; nesta realidade-ficción, é un home e un polbo femia os que tecen unha relación de convivencia e diálogo.

A cinta está confeccionada episódicamente, guiándonos por estes cambios internos que se van producindo nos protagonistas, especialmente grazas á atractiva e suxerente música composta por Kevin Smuts para cada unha destas fases da relación.

O verdadeiramente xenial deste documental radica na sensibilidade coa que está filmada esta unión case obsesiva entre os dous seres que da compañía e costume constrúen unha intimidade e un intenso apego, que súa vez ten un poder sanador para que Craig volva novamente a súa vida e familia.

Fotograma de Mi Maestro el Pulpo

A relación do ser humano cun animal concreto e a súa complicidade como feito de revolución interior xa o temos visto en moitos filmes, mais coido que o curioso desta vez é esta figura tan habitual para os galegos como é o polbo, máis apreciado con pemento moído e aceite que como compañeiro empático de bar ou diván. Ben certo é que os camiños de respecto á natureza son múltiples.

Como buceador e pescador submariño que son, teño moitas veces a oportunidade de relacionarme cos polbos, case sempre con final desgraciado para eles, mais cando son pequenos podo relaxarme observándoos de vagar, e non podo conter a miña admiración por un animal intelixente e marabilloso, seguro que, como para moitas outras relacións o lugar e o momento non foi o noso. O que si teño claro, e esa é a mensaxe da película, é que é un ser moi especial.

Artigo publicado no suplemento APRENDER de NÓS DIARIO (06/2021)