Temos a sorte de contar na península co Suncine, o festival máis lonxevo sobre cinema ambiental e conciencia ecoloxista do mundo. Case nada.
Juan de Castro Programador do The Wild Cinema
Recentemente renomeado Suncine, este festival fundamentado no activismo leva repartindo os seus Soles de Ouro ao longo de 27 edicións.
Fundado en Barcelona en 1993 da man do carismático e entusiasta Claudio Lauria, este certame naceu cuns principios férreos no seu discurso: O medio ambiente é un dereito humano. Unha consigna que se fai patente na construción da súa programación que, ininterrompidamente, veñen amosando edición tras edición.
Pertence o Suncine á clase de festivais que non só promoven as artes cinematográficas senón que se move cunha poderosa vontade de denunciar, educar e sensibilizar. Podemos afirmar que todo o cinema sobre
medio ambiente, activismo e ecoloxía pasou polas pantallas do Suncine. Os creadores e organizadores deste certame teñen a convicción de prestar “un
servizo público necesario e comprometido”, tarefa esta imprescindíbel nestes anos de certa desesperanza.
Mais chegar á posición decana e reputada que atesoura agora non foi doado, anos de concienciación e pedagoxía nas salas de proxección amosando os máis recentes traballos. De feito, é un dos poucos certames
que en competición non acepta proxectos de máis dun ano de produción, isto certamente favorece que as problemáticas ambientais máis urxentes sexan difundidas.
Unha estupenda novidade deste ano son as seccións Suncine For Future e Suncine Edu, a primeira para potenciar o activismo entre os novos e a segunda cun obxectivo de concienciar os máis pequenos. Estas novas actividades paralelas veñen traídas claramente polos recentes movementos sociais ecoloxistas que estouparon a nivel mundial nestes anos entre os mozos e mozas máis novos, con Greta Thunberg como símbolo.
A cantidade de realizadores, artistas e persoeiros que pasaron por este festival resulta mareante. Desde Jane Goodall a Ken Loach, Hebe de Bonafini, Jeremy Irons, Fernando Trueba ou Steve McCurry (o famoso fotógrafo da nena afgá). Na súa web acóllense os filmes que do que fomos, somos e seremos.
Artigo publicado no suplemento APRENDER de NÓS DIARIO (5/12/2020)