The Wild Fest e Zarkocan organizan Wild Dog Race, unha actividade para que persoas de todas as idades e os seus cans desfruten do Parque Forestal de San Miguel de Oia.
WILD DOG RACE é a nova proposta de lecer activo na natureza, unha proba non competitiva na que poden participar persoas de todas as idades acompañadas dos seus cans.
Wild Dog Race conta con tres modalidades: andaina, carreira e carreira infantil. As dúas primeiras teñen un percorrido de 5km e a infantil de tan só 100 metros. No caso da carreira, o percorrido contará con obstáculos e retos que a farán máis emocionante e estará debidamente sinalizado con balizas.
Os cans deberán ter polo menos 6 meses para participar na carreira e 12 na andaina e contar coa cartilla de vacinación actualizada. Durante toda a proba deberán levar arnés e correa polo que non é preciso que conten cun adestramento específico para desfrutar da actividade.
Wild Dog Race terá lugar o domingo 25 de xuño pola mañá; ás 9h sairá o primeiro participante na carreira; ás 9:30h comezará a andaina e ás 11:30h será a quenda dos nenos. Tanto o regulamento completo como o formulario de inscrición están dispoñibles na web Sportsmaniacs. A participación ten un custe de 15 € por persoa e é gratuíta para os menores de 12 anos. O prazo está aberto ata o 21 de xuño.
Wild Dog Race está organizado xunto a Zarkocan, unha empresa de adestramento canino profesional con moita experiencia na organización de probas deportivas con cans.