Categorías
THE WILD NEWS

Volve o festival máis sostible

Tras o éxito da primeira edición, volve un ano máis The Wild, o festival máis sostible da comarca de Vigo.

O equipo de dirección do certame The Wild, así como Juan de Castro, xestor do festival, Nuria Rodríguez, concelleira de Medio Ambiente de Vigo e Manuel Giráldez, presidente da Comunidade de Montes San Miguel de Oia presentaron a segunda edición do festival máis sostible da comarca de Vigo.

Deste xeito, e tras o éxito da primeira edición, The Wild celebrarase o 26, 27 e 28 de xuño en San Miguel de Oia. Neste novo certame, The Wild seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.

The Wild Festival terá lugar do 26 ao 28 de xuño en San Miguel de Oia e estará cheo de actividades para todos os públicos e familias.

Neste sentido, Nuria Rodríguez, concelleira de medio ambiente, trasladou o apoio do Concello de Vigo a The Wild e animou aos organizadores non só a facelo posible este ano, senón tamén o vindeiro. Do mesmo xeito, todo o equipo de organización e dirección do festival amosou o agradecemento tanto ao Concello como a Comunidade de Montes de Oia por axudar dende o primeiro momento ao desenrolo do festival.

En relación ás actividades, Pedro Pérez, amo de The Wild, quixo remarcar que, para este ano, “incidirán en todo o que funcionou na primeira edición” e confirmou que volverá a ter lugar a andaina solidaria. A camiñada, feita en colaboración coa Comunidade de Montes,

destinará “os fondos recadados a fundación Fran Gil, que loita contra a leucemia”. Cabe destacar tamén que, durante a andaina, os participantes poderán coñecer como funciona a xestión dos montes. Tal e como comenta Manuel Giráldez, presidente da Comunidade de Montes “é moi bonito que nos sigan 300 persoas e darlles información do que facemos, do que son as comunidades de montes ou das vistas panorámicas, que moita xente non as coñecen”.

Por suposto, na segunda edición de The Wild, haberá oco para concertos, faladoiros, xogos para os máis cativos, ou unha coidada selección de cinema de natureza, deporte e activismo. No certame tamén haberá un recinto expositivo co fin de dar a coñecer as actividades de empresas sostibles en sectores tan diversos como a bioconstrución ou a economía circular.

THE WILD FEST

Non cabe dúbida que The Wild Fest tivo unha primeira edición moi satisfactoria. Máis dun millar de persoas acudiron do 28 ao 30 de xuño a San Miguel de Oia co fin de participar na andaina solidaria, coñecer de primeira man empresas galegas sostibles, gozar de boa música ou emocionarse co cine de natureza. Por suposto, os máis cativos tamén tiveron a ocasión de pasar un moi bo rato mentres aprendían o importante que é coidar o medio ambiente.

Así, tras o éxito do certame de 2019, na vindeira edición The Wild buscará asentarse como un festival multidisciplinar e sostible de referencia na comarca de Vigo.