Categorías
THE WILD NEWS

O festival The Wild crece en 2022 e volverá celebrarse en xullo

The Wild anuncia as datas da súa cuarta edición, que se expande a dúas fines de semana: o 3 e o 8 ao 10 de xullo.

11.01.2022 O festival multidisciplinar The Wild volverá celebrarse no principio do verán e anuncia as datas da súa cuarta edición, en 2022, que ocupará dúas fines de semana de xullo. O domingo 3 de xullo celebrarase a carreira de obstáculos Wild Race. A fin de semana do 8 ao 10 de xullo terán lugar as actividades lúdicas e culturais, como os concertos, proxeccións e obradoiros e actividades infantís. O Parque Forestal de San Miguel de Oia volverá ser o escenario do The Wild. O seu mirador privilexiado á ría de Vigo é un dos atractivos e emblemas do festival, que ten o goce e o respecto da natureza como emblema.

The Wild buscará repetir o éxito das pasadas edicións, nas que, a pesar da pandemia, logrou crecer en número de asistentes, infraestructura e actividades programadas. Se algo chama a atención desta cita estival é a súa capacidade para englobar un grande número de actividades moi diversas e integralas no medio natural: concertos de folk e rock, The Wild Cinema, andaina, ximcana de orientación, obradoiros, mercadiño e espectáculos infantís. A organización buscará manter e mellorar todas elas na edición 2022.

O festival crece con este novo formato, que lle permite coidar de xeito especial tanto a parte deportiuva como a cultural. The Wild ofrece unha proposta de ocio única, interesante e divertida co obxectivo de poñer en valor o noso patrimonio natural, o coidado dos nosos montes e o respecto polo medio ambiente. É por isto que todas as actividades que sucenden nel están alineadas con esta filosofía.

THE WILD FEST

The Wild naceu en 2019 co obxectivo de poñer en valor o noso patrimonio natural, o coidado dos nosos montes e o respecto polo medio ambiente a través da programación de actividades deportivas e culturais no entorno natural do Parque Forestal de San Miguel de Oia.

Na vindeira edición, The Wild, que  se celebrará entre o 3 e o 10 de  xullo de 2022, buscará destacar como o festival multidisciplinar e medioambiental de referencia na comarca de Vigo polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.

Categorías
THE WILD NEWS

Desfruta do The Wild Fest en familia

O festival de cultura na natureza contará coas actuacións de Peter Punk, Magia en la manga e os títeres de Tarabelos, así como un obradoiro de pintura e un taller de merendas saudables.

The Wild Fest celebrará unha terceira edición do festival multidisciplinar no Parque Forestal de San Miguel de Oia os días 3, 4 e 5 de setembro. As entradas para o sábado están á venda na web de The Wild. O domingo a entrada é de balde con control de aforo.

O festival multidisciplinar The Wild, que terá lugar o 3, 4 e 5 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia en Vigo, continúa a desvelar o seu programa de actividades lúdicas, deportivas e de concienciación dirixidas a todos os integrantes da familia.

Un dos obxectivos do festival é que toda a familia poida gozar da cultura nun enclave natural, por iso The Wild organiza tres actuacións e tres obradoiros pensados especialmente para o desfrute da cativada. Así mesmo os nenos poderán participar de moitas das actividades do festival, pensadas para público de todas as idades, como as sesións vermú con Susana Seivane e Enxeito, a andaina, a proba de orientación Orientaventura, a zona gastro ou a de artesanía. Ademais, os menores de 14 anos poderán acceder ao festival sen pagar entrada.

Espectáculos e obradoiros infantís

Na xornada do sábado a programación infantil comezará ás 15h coa función Sabela e o paxaro máxico, da compañía de títeres Tarabelos. Un espectáculo de fantoches de luva e varas protagonizada por Sabela, un paxariño, un ogro e un mago, creado e interpretado por Esteban Acuña, quen tamén fabrica os monicreques de xeito artesanal. Tamén o sábado ás 18h o paiaso Peter Punk fará gala do seu humor traste e irreverente co espectáculo Chungo que te cagas, que fará as delicias do público amosando a súa destreza (ou non) con todo tipo de elementos que irán saíndo da súa maleta.

Xa o domingo, Óscar Fernández, de Magia en la Manga, traeranos o espectáculo Maxia sen desperdicio unha sorprendente actuación na que, a través da imaxinación e con obxectos cotiáns, porá de manifesto que o coidado do medio ambiente está ao alcance de todos nós.

En canto aos obradoiros, a partir das 12:30h do sábado os pequenos poderán amosar a súa pericia gabeando nun búlder preparado polos compañeiros de Mapache Climbing. O segundo obradoiro comezará o sábado ás 12:·30, facilitado polo equipo de nutricionistas de Eatlike que guiará unha sesión de Merendas divertidas tras a escola, un obradoiro práctico no que os nenos aprenderán a facer unha a merenda rica e divertida fuxindo dos produtos ultraprocesados. Xa pola tarde, Sara Iglesias, licenciada en Belas Artes, ofrecerá un taller de pintura e debuxo para todas as idades que terá lugar o sábado a partir das 16h e o domingo desde as 15h.

Andaina solidaria

Volve a andaina solidaria, unha actividade apta para todas as idades e condicións físicas que consiste nunha camiñada de 6 km, guiada pola Comunidade de Montes de San Miguel de Oia durante a cal se levará aos asistentes polos puntos máis emblemáticos do parque, como a zona de petróglifos ou os miradoiros. Tamén se amosará a flora e a fauna da zona.

Cómpre destacar que parte dos fondos recadados será doada á Asociación Bicos de Papel, a cal dedica os seus esforzos a acompañar e apoiar a nenos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e as súas familias.

Actividade terá lugar o sábado a partir das 10:30 da mañá e as entradas poden adquirirse na web do festival, tanto soltas como en conxunto coa entrada de sábado ao festival. De novo, os menores de 14 anos non pagarán entrada.

Orientaventura

Unha competición de aventura por equipos, accesible a todos os públicos e que combina orientación con mapa, divertidas probas físicas e de coñecemento.

Para esta actividade é preciso mercar unha entrada.

Entradas

Para os espectáculos e obradoiros infantís non é necesario mercar unha entrada específica. Para aqueles que se desenvolvan durante o sábado será preciso contar coa entrada xeral do festival. O domingo o acceso será de balde, aínda que haberá control de aforo.

As entradas para o sábado, xa están a venda na web do festival . O festival lanzou as primeiras 800 por un prezo promocional de 15€, dispoñibles ata o 29 de agosto. A partir do día 30 o prezo será de 18€. Os menores de 14 anos non pagan entrada.

Categorías
THE WILD NEWS

Os usuarios do HC San Rafael desfrutan dun día na natureza con The Wild

Paula Cermeño | Responsable de Prensa de The Wild

I 16 usuarios con necesidades especiais do Fogar Social San Rafael achegáronse esta mañá ao Parque Forestal de San Miguel de Oia para desfrutar dunha xornada de actividades na natureza.
I “Un día na natureza” forma parte do programa de accións solidarias do The Wild Fest, o festival de cultura e natureza que se celebrará os vindeiros 4 e 5 de setembro.

Ás 10 da mañá deste mércores, 7 de xullo, 16 persoas usuarias do Area Ocupacional do HC San Rafael achegáronse ao Parque Forestal de San Miguel de Oia para desfrutar dunha xornada de actividades de lecer en contacto coa natureza. Xunto a eles, dúas técnicas do mesmo centro; Óscar Gallego, organizador do The Wild Fest e coordinador da xornada e Simón González, responsable de Territorio Comanche, empresa especialista en experiencias na natureza.

A actividade, bautizada como “Un día na natureza”, enmárcase dentro do programa de Acción Solidarias que The Wild Fest está levando a cabo en colaboración con entidades da contorna durante os meses previos á celebración do festival. O obxectivo é contribuír a trasmitir valores de sustenatibilidade e coidado medioambiental, asumindo un papel activo na transformación social necesaria para crear unha sociedade máis xusta e equilibrada, aliñada cos principios que defende o festival.

A xornada deu comezo cunha andaina polas sendas do monte do Parque Forestal de San Miguel de Oia que achegou aos participantes á fauna e flora do entorno natural vigués. A continuación puideron desfrutar dun ágape no merendeiro do Parque, preciso para coller forzas para a actividade estrela do dia, “A búsqueda do tesouro”, unha proba lúdica na que a rapazada aprendeu destrezas de orientación con mapa e traballo en equipo para a resolución de problemas. Esta actividade tamén estará dispoñible durante o festival baixo o nome de Orientaventura e estará guiada polos especialistas de Territorio Comanche. Como peche da excursión, os participantes fixeron unha plantación simbólica de catro carballos no merendeiro do Parque, durante a cal se lles fixo partícipes da importancia de coidar as especies autóctonas.

Categorías
THE WILD NEWS

O festival The Wild lanza o cartel da súa terceira edición

Celeste Conde | Responsable de Prensa de The Wild

| A concelleira de medio ambiente, Nuria Rodríguez, e a organización de The Wild Fest presentan o cartel do certame e anuncian as novidades principais do evento.
| A completa e esixente carreira de obstáculos The Wild Race, na que aínda hai tempo para inscribirse, e a andaina solidaria mantéñense dentro das actividades previstas neste terceiro ano.
| As 800 entradas xa están á venda na web de The Wild e pódense conseguir dende os 15 euros e ata o 29 de agosto. O domingo a entrada é de balde, aínda que haberá control de aforo.

O festival multidisciplinar The Wild, que terá lugar o 4 e 5 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia, en Vigo, comeza os preparativos para levar a cabo a súa terceira edición logo do éxito das anteriores. Por iso, a organización do certame xunto coa concelleira de medio ambiente Nuria Rodríguez, presentaron hoxe o cartel no Concello de Vigo.

Neste sentido, Nuria Rodríguez, concelleira de medio ambiente, quixo mostrar o seu apoio, un ano máis, ao festival e aproveitou a ocasión para “animar a todos os cidadáns de Vigo a subir eses días de setembro porque merece a pena, sobre todo ás familias”. Así mesmo, quixo trasladar a súa gratitude por “contar co concello e cos montes de Vigo, xa que é un evento que se realiza en San Miguel de Oia”.

Por suposto, a organización do certame agradeceu o apoio do concello, que leva apostando polo festival dende os seus inicios. De feito, Juan Pablo Pérez, coordinador de The Wild anima “a todos a vir e ao señor alcalde tamén porque estou seguro que nuns anos falarase de The Wild en Nova York e en París”.

Se hai uns días The Wild Fest anunciaba os 7 concertos, dende Los Zigarros, Familia Caamagno e Stoned at Pompeii, ata The Blind Crows, Susana Seivane Trío, Enxeito e Zeltia Irevire, nesta ocasión Juan de Castro, xestor cultural do evento, daba a coñecer algunhas das principais actividades que se desenrolarán.

Así, volve a andaina solidaria. Esta camiñada de 6 km, guiada pola Comunidade de Montes de San Miguel de Oia, levará aos asistentes polos puntos máis emblemáticos do parque como a zona de petróglifos ou os miradoiros, onde se poderá gozar coas mellores vistas da Ría de Vigo e as Illas Cíes.

Ademais, compre destacar que parte dos fondos recadados será doado a Asociación Bicos de Papel, a cal dedica os seus esforzos a acompañar e apoiar aos nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e as súas familias.

Doutra banda, tampouco pode faltar The Wild Race, OCR de 8 quilómetros e máis de 35 obstáculos que incluirá elementos adaptados doutras disciplinas como CrossTraining, Strogman ou PaleoTraining. “O ano pasado non se puido celebrar, pero nesta ocasión intentaremos que sexa mellor, máis completa e para os deportistas un reto maior “explica
de Castro.

Entre as actividades, destaca igualmente o cinema medioambiental, proxectándose durante dúas xornadas unha coidada selección de filmes cun protagonista principal: a natureza. Ademais, tamén haberá oco para os eventos infantís xa que “o público do noso festival son tanto mozos e mozas que van aos concertos ata as últimas horas como as familias”, asegura Juan de Castro.

En definitiva, The Wild é un festival que xunta nun mesmo lugar actividades tan diversas como concertos, faladoiros, xogos para os máis cativos, cinema, sendeirismo ou competicións deportivas baixo unha premisa común: gozar da natureza dende o respecto e a responsabilidade.

Merca a túa entrada

Categorías
THE WILD NEWS

Thee Blind Crows, Stoned at Pompeii e Susana Seivane Trío, primeiros concertos confirmados en The Wild Fest

Celeste Conde | Responsable de Prensa de The Wild

The Wild, festival multidisciplinar que terá lugar o 4 e 5 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia, confirma os primeiros artistas que se subirán aos escenarios na súa nova edición: o trío pontevedrés Thee Blind Crows, os vigueses Stoned at Pompeii e Susana Seivane Trío.

Nesta terceira edición, a música do país terá unha gran presenza. Así, poderase gozar do folk, pero tamén do blues punk da man de Thee Blind Crows e do rock con selo vigués de Stoned at Pompeii.

“O cartel desta terceira edición é moi potente e aínda quedan máis grupos que confirmaremos en breves, pero podemos adiantar que tamén haberá espazo para artistas nacionais de gran envergadura”, afirma Juan de Castro, xestor cultural de The Wild. Ademais, engade que “este ano quixemos apostar mais que nunca pola música, un dos grandes prexudicados da pandemia”.

Deste xeito, The Wild Fest fai unha aposta por distintos estilos musicais e por facer un percorrido pola escena máis actual do panorama galego e nacional para ofrecer unha noite chea de música e máis unha sesión vermú.

A parte máis musical do The Wild arrinca o día 4 ao mediodía coa actuación de Susana Seivane Trío, a formación dunha das artistas de maior percorrido e traxectoria e que máis revitalizou o folk galego. Thee Blind Crows, pola súa conta, tocarán ese mesmo día pola tarde para encher o parque forestal coa enerxía e a forza do seu guitarreo blues punk. Pola noite será a quenda de Stoned at Pompeii cun directo abraiante cun estilo de carácter stoner rock que lles valeu o galardón de “Mellor Directo” nos premios Maketón Los 40 no 2020.

Por suposto, o festival, un dos poucos que conseguiu saír adiante o ano pasado, continuará cuns estritos protocolos de seguridade co obxectivo de crear un espazo seguro. Máscaras, aforo limitado ou sentidos únicos de circulación son algunhas das medidas previstas para o certame, que completará a súa programación con actividades para toda a familia, desde unha andaina solidaria ata The Wild Race, unha apaixonante carreira de obstáculos, así coma faladoiros ou todo tipo de eventos infantís.

Máis información e venda de entradas proximamente na web thewildfest.com

Categorías
THE WILD NEWS

Aberta a inscrición a The Wild Race

Celeste Conde | Responsable de Prensa de The Wild

O festival multidisciplinar The Wild abre as inscricións de The Wild Race, unha carreira OCR que terá lugar o 5 de setembro e que promete grandes doses de adrenalina e desafío nun entorno natural como é o Parque Forestal de San Miguel de Oia.

Ademais, cun percorrido de 8 quilómetros e máis de 35 obstáculos, incluiranse elementos adaptados doutras disciplinas como CrossTraining, PaleoTraining ou Strogman. Sen dúbida, unha actividade na natureza que estará chea de emoción, aventura e moita diversión.

Miriam Gesteiro, coordinadora de The Wild Race afirma que “a carreira combina a perfección natureza e exercicio físico. Por iso será unha gran experiencia para todos os participantes, que deberán loitar para superar os obstáculos e a si mesmos a través dunha boa preparación mental, unha correcta xestión da presión e un adecuado control da enerxía”.

Deste xeito, The Wild Race é unha carreira deportiva, lúdica e integradora que supón un verdadeiro reto para os atletas, que deberán aproveitar os recursos que lles proporciona o medio natural ao mesmo tempo que crean sinerxías para superar con éxito cada obstáculo.

Compre destacar que, por mor do coronavirus, levarase a cabo un rigoroso protocolo co fin de garantir a seguridade e o benestar tanto dos participantes coma do público e o staff e estará en consonancia coa lexislación vixente e as recomendacións das autoridades locais e autonómicas. Así, entre outros, haberá un único sentido de circulación, as zonas estarán diferenciadas e delimitadas e será obrigatorio levar máscara antes de comezar a proba.

Por suposto, esta actividade enmárcase dentro do festival, que se celebrará do 4 e 5 de setembro no merendeiro de San Miguel de Oia e no que se poderá gozar de concertos, xogos para os máis cativos, faladoiros ou diversos eventos coma a andaina solidaria.

AS MODALIDADES DE PARTICIPACIÓN EN THE WILD RACE

En The Wild Race poderase competir en dúas modalidades diferenciadas: Wolf e Raven:
– A modalidade Wolf é unha carreira por equipos de catro persoas, polo que a cooperación, a táctica e o traballo de todos os integrantes será fundamental para chegar con éxito á meta.
– A modalidade Raven é unha carreira individual. Sen embargo, os participantes poderán decidirse pola categoría Élite, onde non poderán recibir axuda doutros participantes para superar as probas, ou Popular, que si permite recibir axuda externa.

OS PREZOS E A INSCRICIÓN

Todos os participantes que teñan 16 anos ou máis pódense apuntar á carreira a través da web de The Wild, onde tamén están as bases completas, ou na páxina Champion Chip Norte.
Doutra banda, o prazo de inscrición remata o 29 de agosto e os prezos variarán entre os 15 e os 30 euros en función da data de inscrición.
Neste sentido, tamén existe a posibilidade de adquirir o Bono The Wild por 10 euros máis que inclúe a participación na carreira e a entrada ao festival, que terá lugar o 4 e 5 de setembro no merendeiro de San Miguel de Oia.

Consulta aquí máis información e bases do desafío.

Categorías
THE WILD NEWS

Alumnos do CEIP Ría de Vigo crean o Bosque da Lingua: Xela Arias

Celeste Conde | Responsable de Prensa The Wild

O festival multidisciplinar The Wild leva a cabo un programa de concienciación medioambiental cos alumnos de 6º de primaria do CEIP Ría de Vigo. Un evento no que a dirección do centro de ensino facilitou e apoiou xunto coa Comunidade de Montes.

Así, este venres 14 de maio, o alumnado de 6º de primaria do colexio, puido gozar dunha camiñada polos sendeiros de San Miguel de Oia, coñecer o conxunto etnográfico de Os Muíños de Gontade e crear o Bosque da Lingua: Xela Arias, composto por un total de 12 carballos, un
por cada aula do centro, conmemorando deste xeito o Día das Letras Galegas.

Neste sentido, os rapaces e rapazas puideron aprender e executar todo o proceso de plantación, así coma coñecer as características botánicas da especie. Posteriormente, os diferentes cursos de primaria da escola irán visitar a zona e deixarán os seus poemas e escritos na árbore correspondente ao seu curso.

Miriam Gesteiro, coordinadora do proxecto, afirma que esta actividade “non só é saudable, senón tamén divertida e educativa para os nenos, conseguindo que coñezan mellor a súa contorna, que descubran a importancia de respectar o medio ambiente. Ao mesmo tempo, conmemoran dun xeito diferente o Día das Letras Galegas e a escritora e poeta Xela Arias, tan vencellada a cidade de Vigo e con ligazóns na nosa zona ”.


Categorías
THE WILD NEWS

Oferta de emprego

Asociación Cultural e Deportiva The Wild comunica:
Posto/s ofertado/s e perfil/ís solicitado/s:

  1. Axudante de dirección/produción

Requisitos xerais:

  • Empadroado en Vigo antes do 01/01/2020.
  • Inscrita como demandantes de emprego no SPEG.
  • Posuír o perfil para o posto solicitado.

Outros requisitos:

  • Experiencia en xestión de eventos.
  • Experiencia administrativa.
  • Experiencia comercial.

Presentación de currículum:

  • Prazo de remate de recepción de CV: 26/abril/2021
  • Enderezo de envío e/ou de entrega: xerencia@thewildfest.com

Data de publicación: 16/abril/2021

Ligazón á oferta.

Categorías
THE WILD NEWS

COMUNICADO OFICIAL THE WILD RACE

Dende a Organización queremos informar da difícil decisión que nos vimos abocados a tomar ante a actual situación xerada polo COVID-19, e que deriva na CANCELACIÓN de THE WILD RACE 2020.

Pese a implementación dun riguroso protocolo por parte da Organización para levar a cabo esta edición coa máxima seguridade para os competidores, público e xuices, e ainda coa súa aprobación por parte das Administracións Competentes, THE WILD RACE considera que, ante a situación agravada dos últimos días, a saúde e o benestar de todos é prioritario, polo que creemos que o máis reponsable é a ANULACIÓN desta proba deportiva.

THE WILD RACE realizará a devolución íntegra da inscripción a todos os competidores rexistrados, e efectuarase automáticamente sen necesidade de ningún trámite adicional.

Queremos aproveitar para mostrar o noso meirande agradecemento a todos os que facedes posible este evento: competidores, patrocinadores, institucións, colaboradores e voluntarios. O equipo de THE WILD RACE continúa traballando con toda ilusión e dedicación na Edición 2021.

Vemonos no THE WILD.

Permanecede Salvaxes!

Categorías
THE WILD NEWS

O festival sostible The Wild contará coas actuacións de Arizona Baby, Terbutalina e Escuchando Elefantes

I A concelleira de medio ambiente, Nuria Rodríguez, e a organización de The Wild presentan o cartel do certame e anuncian as novidades principais do evento.

I Arizona Baby, Terbutalina, Escuchando Elefantes e The Broke son algúns dos grupos que pasarán polo escenario do festival multidisciplinar e sostible The Wild entre o 5 e o 6 de setembro.

I A completa e esixente carreira de obstáculos The Wild Race e a andaina solidaria mantéñense dentro das actividades previstas neste segundo ano.

De esquerda a dereita: Óscar Gallego, Juan de Castro, Juan Pablo Pérez, organizadores do evento, Nuria Rodríguez, Concelleira de Medio Ambiente, e Manuez Giráldez, presidente da Comunidade de Montes San Miguel de Oia.

Queda pouco máis dun mes para que comece a nova edición de The Wild, que se celebrará o 5 e 6 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Un festival que xunta nun mesmo lugar actividades tan diversas como concertos, faladoiros, xogos para os máis cativos, cinema, sendeirismo ou competicións deportivas baixo unha premisa común: gozar da natureza dende o respecto e a responsabilidade.

Juan Pablo Pérez e Óscar Gallego, do equipo de dirección de The Wild, Juan de Castro, xestor do festival, Nuria Rodríguez, concelleira de Medio Ambiente de Vigo e Manuel Giráldez, presidente da Comunidade de Montes San Miguel de Oia presentaron este xoves o cartel do evento, que desvela os grupos de música que pasarán polos escenarios do certame e as actividades paralelas na súa segunda edición.

O equipo do evento amosou o agradecemento tanto ao Concello de Vigo como a Comunidade de Montes de San Miguel de Oia por axudar dende o primeiro momento ao desenrolo do festival, sobre todo nesta época de incerteza por mor da Covid-19. De feito, o Concello de Vigo non só deu o seu apoio ao festival dende a súa primeira edición, senón que tamén estivo presente durante o desenvolvemento do protocolo para reforzar as medidas de control co fin de evitar contaxios e converterse nun espazo seguro. Así, Nuria Rodríguez sinala que dende o Concello están “encantados de participar e axudar neste festival medioambiental que xa o ano pasado foi todo un éxito” e animan a todos a asistir.

Neste sentido, os asistentes poderán gozar dun total de sete concertos, dende o grupo country Arizona Baby ata os galegos Terbutalina, que mesturan rock de garaxe e punk, pasando polo dúo (tamén galego) de folk-rock Escuchando Elefantes.

Ademais, completan o cartel The Broke, rock con influencias de funky, punk e hard rock; Blues do País, unha máxica mestura de clásicos do blues reinterpretados no noso idioma que non deixará indiferente a ninguén, a banda indie EX Hedera e Cé Orquestra Pantasma, quen fará as delicias dos máis cativos.

Doutra banda, tampouco pode faltar The Wild Race, prevista para o 6 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia. “Será unha carreira de 10 quilómetros con máis de 35 obstáculos pensada para facer de xeito individual ou por equipos dun máximo de 4 persoas” explica Óscar Gallego. Tamén volverá a andaina solidaria, nesta ocasión destinando os fondos recadados afundación Fran Gil que loita contra a leucemia.

Por suposto, este ano, marcado pola crise sanitaria provocada polo coronavirus, o evento reestruturará as súas actividades e seguirá unhas estritas medidas de seguridade apoiadas polo Concello de Vigo que inclúen, entre outros, redución do aforo en máis dun 90%, controis de temperatura no acceso ao festival, obrigatoriedade de levar mascarilla en desprazamentos ou para adquirir calquera produto, dispensadores de xel hidroalcohólico, espazos separados, circulación en sentido único ou unha zona de emerxencias médicas. Ademais, os concertos terán cadeiras e alpacas de palla para que os asistentes gocen do evento mantendo as seguridades de distancia.

Todo, co obxectivo de facer o festival nun entorno seguro tanto para asistentes como para artistas e traballadores.

THE WILD FEST

Na súa primeira edición, que tivo lugar do 28 ao 30 de xuño en San Miguel de Oia, acudiron máis dun millar de persoas co fin de participar na andaina solidaria, coñecer de primeira man empresas galegas sostibles, gozar de boa música ou emocionarse co cine de natureza. Por suposto, os máis cativos tamén tiveron a ocasión de pasar un moi bo rato mentres aprendían o importante que é coidar o medio ambiente.

Na vindeira edición, The Wild, que se celebrará o 5 e 6 de setembro, buscará asentarse como un festival multidisciplinar e sostible de referencia na comarca de Vigo polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.

Categorías
THE WILD NEWS

Comunicado COVID-19

“Sempre parece imposible ata que se fai” 

                    Nelson Mandela

A todos os que formades parte da Família THE WILD:

Dende a Organzación compracenos anunciaros que o Festival THE WILD, continúa adiante. Non obstante debido as circunstancias excepcionais que estamos vivindo, consecuencia do COVID-19, e para intensificar a seguranza dos asistentes, THE WILD viuse na obriga de reestructurar a programación para garantir un maior control de todalas actividades e do Festival en xeral.

Coa finalidade de preservar a saúde do público, dos Artistas e do Equipo de The Wild, a Organización deseñou un exhaustivo protocolo, que conta coa aprobación da Administración competente, para a celebración e asistencia ao evento coas maiores garantias de protección. 

Debido a esta reestructuración,  este ano o Festival condensarase en dous días, 5 e 6 de Setembro, polo que algunhas das actividades previstas, lamentablemente foron canceladas, en aras de un maior control e focalización dos nosos esforzos en garantir a máxima seguridade e benestar para o noso público. Deste xeito este ano caeráse da nosa programación, o concurso de bandas THE BATTLE OF BANDS, a ZONA EXPO  e o espazo da ROCKSCHOOL DZettaMusicCenter.

De todolos xeitos, a Organización mantense alerta e en estreito contacto coas Autoridades Sanitarias e Administracións competentes para seguir as suas directrices e indicacións,  e tomar a decisións pertinentes en función da evolución da situación actual en referencia ao COVID-19.

Dende THE WILD, estamos traballando sen descanso contra vento e marea para a materializar este evento sen perder de vista sua esencia: a Sustentabilidade e o respeto polo MedioAmbiente.

Por último, agradecer profundamente as personas e entidades colaboradoras que posibilitarán levar a cabo este Festival é a todo o público de THE WILD polo voso apoio e comprensión.

Permacedece Salvaxes!                            

A Organización THE WILD

Categorías
THE WILD NEWS

Oferta de emprego

Posto ofertado e perfil solicitado:

Axudante de organización e xestión.

Requisitos xerais:

  • Empadroado en Vigo antes do 01/01/2019.
  • Inscrita como demandantes de emprego no SPEG.
  • Posuír o perfil para o posto solicitado

Outros requisitos:

  • Experiencia en financiamento privado e público.
  • Experiencia en organización e xestión de eventos.

Presentación de currículos:

Prazo de remate de recepción de CV: 10 de abril do 2020.

Enderezo de envío e/ou de entrega: xerencia@thewildfest.com.

Data de publicación: 23 de marzo do 2020.

Categorías
THE WILD NEWS

Conta atrás para The Wild Race, unha carreira de obstáculos en San Miguel de Oia

O festival The Wild abre as inscricións para participar en The Wild Race, unha carreira que se celebrará o 28 de xuño no Parque Forestal de San Miguel de Oia, en Vigo. O evento terá un percorrido de 10 quilómetros e máis de 35 obstáculos e incluirá probas adaptadas doutras disciplinas como Crossfit, Strogman ou PaleoTraining.

Ademais, poderán apuntarse ata o 21 de xuño todas as persoas que teñan 16 anos ou mais. Tanto para inscribirse a carreira como para ver as bases ou solicitar máis información os interesados deberán acceder a páxina de The Wild Race 2020.

“Dez quilómetros de pura adrenalina nos que se pasará un bo rato mentres se está en contacto coa natureza e os participantes loitan para superarse a si mesmos”.

Miriam Gesteiro, coordinadora de The Wild Race

Ademais, Gesteiro engade:

“Na carreira será fundamental aproveitar os recursos que nos proporciona o medio natural, polo que se converterá en toda unha experiencia nun entorno tan máxico coma é o Parque Forestal de San Miguel de Oia”

Miriam Gesteiro, coordinadora de The Wild Race

MODALIDADES DE PARTICIPACIÓN

En The Wild Race poderase competir en dúas modalidades diferenciadas: Wolf e Raven.

Así, na modalidade Wolf deberase participar na carreira en equipos de 4 persoas, polo que a estratexia, a confianza e o traballo de todos os integrantes será fundamental para conseguir chegar ata o final do percorrido.

Doutra banda, a modalidade Raven é individual, aínda que os participantes terán a ocasión de decidir se optan pola categoría Popular, no que poden recibir axuda doutros participantes se teñen dificultades para superar un obstáculo ou Élite, no que non poderán recibir axuda.

Deste xeito, The Wild Race busca ser unha carreira deportiva, lúdica e integradora, na que todos poidan gozar dun encontro ameno coa natureza e crear sinerxías mentres se practica o respecto ao medio ambiente, valores que se defenden desde o festival The Wild.

Por suposto este evento complementarase co resto de actividades previstas para o festival The Wild, que se celebrará do 26 ao 28 de xuño en San Miguel de Oia e no que se poderá gozar de concertos, unha andaina solidaria, xogos para os máis cativos, unha selección de cinema de natureza ou un recinto expositivo no que se poderán coñecer as actividades de empresas sostibles en sectores tan diversos como a bioconstrución ou a economía circular.

OS PREZOS

Apuntarse a carreira terá un custo de 15 euros se a inscrición ten lugar ata o 31 de marzo. Despois, do 1 de abril e ata o 31 de maio o prezo será de 20 euros e, finalmente, de 25 euros se a inscrición realizase do 1 de xuño ao 21 de xuño.

Categorías
THE WILD NEWS

Volve o festival máis sostible

Tras o éxito da primeira edición, volve un ano máis The Wild, o festival máis sostible da comarca de Vigo.

O equipo de dirección do certame The Wild, así como Juan de Castro, xestor do festival, Nuria Rodríguez, concelleira de Medio Ambiente de Vigo e Manuel Giráldez, presidente da Comunidade de Montes San Miguel de Oia presentaron a segunda edición do festival máis sostible da comarca de Vigo.

Deste xeito, e tras o éxito da primeira edición, The Wild celebrarase o 26, 27 e 28 de xuño en San Miguel de Oia. Neste novo certame, The Wild seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.

The Wild Festival terá lugar do 26 ao 28 de xuño en San Miguel de Oia e estará cheo de actividades para todos os públicos e familias.

Neste sentido, Nuria Rodríguez, concelleira de medio ambiente, trasladou o apoio do Concello de Vigo a The Wild e animou aos organizadores non só a facelo posible este ano, senón tamén o vindeiro. Do mesmo xeito, todo o equipo de organización e dirección do festival amosou o agradecemento tanto ao Concello como a Comunidade de Montes de Oia por axudar dende o primeiro momento ao desenrolo do festival.

En relación ás actividades, Pedro Pérez, amo de The Wild, quixo remarcar que, para este ano, “incidirán en todo o que funcionou na primeira edición” e confirmou que volverá a ter lugar a andaina solidaria. A camiñada, feita en colaboración coa Comunidade de Montes,

destinará “os fondos recadados a fundación Fran Gil, que loita contra a leucemia”. Cabe destacar tamén que, durante a andaina, os participantes poderán coñecer como funciona a xestión dos montes. Tal e como comenta Manuel Giráldez, presidente da Comunidade de Montes “é moi bonito que nos sigan 300 persoas e darlles información do que facemos, do que son as comunidades de montes ou das vistas panorámicas, que moita xente non as coñecen”.

Por suposto, na segunda edición de The Wild, haberá oco para concertos, faladoiros, xogos para os máis cativos, ou unha coidada selección de cinema de natureza, deporte e activismo. No certame tamén haberá un recinto expositivo co fin de dar a coñecer as actividades de empresas sostibles en sectores tan diversos como a bioconstrución ou a economía circular.

THE WILD FEST

Non cabe dúbida que The Wild Fest tivo unha primeira edición moi satisfactoria. Máis dun millar de persoas acudiron do 28 ao 30 de xuño a San Miguel de Oia co fin de participar na andaina solidaria, coñecer de primeira man empresas galegas sostibles, gozar de boa música ou emocionarse co cine de natureza. Por suposto, os máis cativos tamén tiveron a ocasión de pasar un moi bo rato mentres aprendían o importante que é coidar o medio ambiente.

Así, tras o éxito do certame de 2019, na vindeira edición The Wild buscará asentarse como un festival multidisciplinar e sostible de referencia na comarca de Vigo.