Comunicado oficial da Asociación The Wild
Desde a organización do festival The Wild queremos comunicar que non celebraremos a edición prevista para 2026. Esta decisión responde a motivos loxísticos, económicos e organizativos que fan inviable garantir o nivel de calidade que o festival e o seu público merecen.
A falta de implicación e respaldo institucional local é un dos principais motivos que nos leva a tomar esta decisión. Gustaríanos sinalar que a edición de 2025 xa se levou a cabo nun contexto de apoio insuficiente, o que lastrou de forma directa a sustentabilidade e proxección do festival.
A nosa situación non é un caso illado, senón parte dun problema estrutural que afecta ao conxunto do tecido cultural. Os proxectos pequenos, medianos e independentes non contamos co apoio suficiente para garantir a nosa continuidade, a pesar de existir recursos públicos suficientes que consideramos que non se están a distribuír de maneira equilibrada. Esta realidade non só dificulta a viabilidade de iniciativas como a nosa, senón que empobrece o conxunto da oferta cultural.
A pesar deste escenario, queremos expresar o noso agradecemento ás bandas, patrocinadores, equipo humano e, especialmente, á comunidade que apoiou o proxecto desde os seus inicios. A súa confianza e entusiasmo seguen a ser o motor que nos impulsa a continuar e podemos confirmar que xa estamos a traballar coa vista posta en 2027, co obxectivo de regresar con máis forza, novas propostas e o nivel de calidade que sempre definiu o festival.
Grazas pola vosa comprensión e por seguir formando parte deste proxecto.















