Desde a organización do festival The Wild queremos comunicar que non celebraremos a edición prevista para 2026. Esta decisión responde a motivos loxísticos, económicos e organizativos que fan inviable garantir o nivel de calidade que o festival e o seu público merecen.
A falta de implicación e respaldo institucional local é un dos principais motivos que nos leva a tomar esta decisión. Gustaríanos sinalar que a edición de 2025 xa se levou a cabo nun contexto de apoio insuficiente, o que lastrou de forma directa a sustentabilidade e proxección do festival.
A nosa situación non é un caso illado, senón parte dun problema estrutural que afecta ao conxunto do tecido cultural. Os proxectos pequenos, medianos e independentes non contamos co apoio suficiente para garantir a nosa continuidade, a pesar de existir recursos públicos suficientes que consideramos que non se están a distribuír de maneira equilibrada. Esta realidade non só dificulta a viabilidade de iniciativas como a nosa, senón que empobrece o conxunto da oferta cultural.
A pesar deste escenario, queremos expresar o noso agradecemento ás bandas, patrocinadores, equipo humano e, especialmente, á comunidade que apoiou o proxecto desde os seus inicios. A súa confianza e entusiasmo seguen a ser o motor que nos impulsa a continuar e podemos confirmar que xa estamos a traballar coa vista posta en 2027, co obxectivo de regresar con máis forza, novas propostas e o nivel de calidade que sempre definiu o festival.
Grazas pola vosa comprensión e por seguir formando parte deste proxecto.
O festival celebrouse do 5 ao 7 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia e congregou preto dun milleiro de persoas.
05.09.2025 | O Parque Forestal de San Miguel de Oia despediu este domingo a sétima edición do festival The Wild, unha cita que durante tres días uniu música, natureza, cine e actividades familiares cunha marcada aposta pola sustentabilidade. Foi unha edición especialmente intensa, marcada polos cambios de última hora no día das actuacións e no cabeza de cartel, ademais da ameaza da choiva que tivo en alerta á organización durante toda a fin de semana. Con todo, nada disto conseguiu deslucir o festival e o público respondeu con forza, enchendo o parque en cada xornada.
Máis dun milleiro de persoas asistiron ao festival, consolidándoo como a festa de peche de verán favorita dos galegos. A xornada máis multitudinaria foi a do venres, cando El Drogas, icona do rock en español, ofreceu un directo cargado de enerxía que conquistou ao público vigués. No recital, de máis de dúas horas de duración, non faltaron tanto temas propios da súa carreira en solitario, como clásicos do rock estatal como En blanco y negro, No hay tregua ou Oveja negra, que o público coreou con forza.
O festival foi tamén escaparate para o talento emerxente coa final do concurso de bandas Salvaxesons, no que competiron Supergigante, Martin Human, Exeria e Gargantúa. Nesta ocasión o fallo foi competencia única do xurado, que decidiu outorgar o primeiro premio a Martin Human, seguido de Exeria, Gargantúa e Supergigante. Como novidade da terceira edición do concurso, as catro bandas na final recibiron dotación económica, achegada polo CC Vialia Estación Vigo. Os premios estiveron dotados con 200 €, 300 €, 400 € e 900 € respectivamente. A continuación actuaron Netta Rufina, gañadores do Salvaxesons hai dous anos, que regresaron a The Wild xa como banda consolidada.
Especial mención merecen tamén as actividades infantís, que cada ano atraen a máis familias a pasar a xornada Cé Orquestra Pantasma co seu espectáculo Animalada, Peter Punk Pallaso con Con lingua propia e as inéditas Olimpíadas Pallasas fixeron resoar centos de gargalladas e crearon un ambiente tranquilo e divertido para festivaleiros de todas as idades. Outra das actividade máis multitudinarias foi Orientaventura a popular xincana de orientación por equipos que combina deporte e traballo en equipo. A actividade, con modalidade familiar incluída, encheu os montes de Oia e de Saiáns durante toda a mañá do domingo.
Deste xeito, The Wild reafirmou unha vez máis a súa identidade como festival accesible e sostible, cun modelo que aposta pola proximidade, a posta en valor do monte de San Miguel de Oia e a creación dun espazo cultural pensado para todas as idades.
O festival, único en Galicia, combina música, cine ao aire libre e conciencia medioambiental.
05.09.2025 | O Parque Forestal de San Miguel de Oia convértese desde hoxe e ata o domingo no escenario do festival The Wild, unha cita multidisciplinar que une música, natureza, cine e actividades para todas as idades e que leva por bandeira o coidado do medio ambiente.
O gran protagonista da xornada inaugural será El Drogas, figura clave do rock en español e cabeza de cartel do festival tras a cancelación de Ilegales. O músico navarro, que foi líder da banda Barricada durante case tres décadas, subirá ao escenario esta noite cun directo cargado de enerxía e carisma, reafirmando a aposta de The Wild polo rock con carácter e autenticidade.
Natureza, cultura e conciencia ambiental
Máis aló da música, The Wild distingueuse sempre polo seu compromiso coa natureza e a sustentabilidade. Nesta edición, a programación medioambiental cobra unha especial relevancia. The Wild Cinema, festival internacional de cine medioambiental,ofrecerá dezaseis filmes de once países, que abordarán cuestións como o cambio climático, o activismo ecolóxico, o goce da natureza ou a práctica de deportes de montaña. Os filmes proxéctanse ao aire libre entre árbores.
O público poderá tamén participar en Orientaventura, unha xincana de orientación que anima a descubrir o monte resolvendo probas, e na tradicional Andaina, un percorrido guiado pola Comunidade de Montes de San Miguel de Oia que pon en valor a riqueza ambiental e paisaxística da zona. Estas propostas recordan a importancia de coidar dos nosos montes, especialmente despois dos incendios que este ano volveron poñer de manifesto a súa vulnerabilidade, convertendo o festival nunha celebración cultural que tamén é unha chamada á responsabilidade colectiva.
Un festival para toda a familia
A programación reserva un lugar destacado para o público familiar. Durante as tardes, o recinto transformarase nun espazo de lecer pensado para que nenos e adultos desfruten con propostas como o espectáculo Animalada de Cé Orquestra Pantasma, o novo show Con lingua propia de Peter Punk Pallaso, e as inéditas Olimpíadas Pallasas, nas que deporte, teatro e xogos tradicionais se mesturan nun ambiente cheo de humor e participación. Non faltarán tampouco obradoiros, xogos, pintacaras e outros espazos pensados para que as familias gocen dunha xornada completa ao aire libre.
Entradas
As entradas teñen un prezo de 10 euros para o venres, mentres que o sábado e o domingo a entrada será de balde, ao igual que para menores de 14 anos. O festival dispón ademais de zona de acampada e espazo para furgonetas con baños e duchas.O festival manté un prezo asequible reafirmando o seu compromiso coa accesibilidade cultural e a defensa dun modelo sostible e de proximidade. Desde a súa creación, The Wild defende unha forma diferente de vivir a música e a cultura: sen masificacións, co foco posto na calidade artística, o coidado da contorna e a creación dunha experiencia compartida para todas as idades.
A banda asturiana cancela a súa actuación en Vigo por motivos de saúde e no seu lugar actuará El Drogas. O resto do programa tamén sufre modificacións.
O festival celébrase do 5 ao 7 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia.
02.09.2025 | The Wild Fest anuncia a incorporación de El Drogas como cabeza de cartel tras a lamentable cancelación de Ilegales debido a un problema de saúde que afecta ao seu vocalista e líder, Jorge Martínez. A nova da cancelación coñeceuse onte ás 22:00h cun comunicado a través das redes sociais da banda e do festival no que podía lerse: “Lamentamos informar que Ilegales non poderá actuar este sábado 6 de setembro en The Wild debido a un problema de saúde e por prescrición médica, que afecta a Jorge Martínez, vocalista e líder da banda”.
Enrique Vilarreal Armendáriz, coñecido como El Drogas, ocupará o seu lugar no cartel e actuará o venres no Parque Forestal de San Miguel de Oia. El Drogas é un músico pamplonés de renome e figura clave do rock en español, coñecido por ser durante case trinta anos cantante e baixista da banda Barricada, con quen gravou quince discos. Ademais da súa inconfundible voz, El Drogas é un recoñecido compositor, responsable de himnos do rock estatal como “En blanco y negro”, “No hay tregua” ou “Todos mirando”. O seu carisma e enerxía no escenario convertérono nunha icona dos anos 80 e 90.
Cambios no programaO cambio do cabeza de cartel do sábado para o venres conleva outras modificacións importantes na distribución dos concertos ao longo da fin de semana. As máis importantes son o traslado da final de Salvaxesons, cos concertos de Supergigante, Martin Human, Exeria e Gargantúa, para o sábado e o cambio do concerto de Sr. Salvaje para o venres, previo a actuación de El Drogas.
Tamén cambian de horario as sesións de The Wild Cinema. Non sufren modificacións as actividades infantís nin a programación do domingo.
Entradas
As persoas que adquiriron as súas entradas para o recital de Ilegales o sábado poderá utilizalas para gozar do concerto de El Drogas o venres, sen necesidade de realizar ningún trámite adicional.
As persoas que desexen devolver as súas entradas, deberán buscar no mail de confirmación de compra a liña “En caso que non poidas ver as túas entradas pulsa aquí”, pulsar sobre ela e, unha vez na web da ticketeira, atoparán a opción de cancelar.
Á venda de entradas continúa activa. As entradas para o venres están dispoñibles en www.thewildfest.com a un prezo de 10,00 €. O sábado e o domingo a entrada é gratuíta, ao igual que para menores de 14 anos. O festival conta con zona de acampada e espazo para furgonetas con baños e duchas, reforzando o seu carácter accesible e familiar.
A organización de The Wild Fest lamenta as molestias ocasionadas por este cambio de última hora e agradece a comprensión do público.
As entradas están á venda na web do festival por só 10,00 €
The Wild celébrase no Parque Forestal de San Miguel de Oia do 5 ao 7 de setembro.
26.07.2025 | O festival The Wild,, contará co grupo Ilegales como cabeza de cartel da súa sétima edición, que se celebra do 5 ao 7 de setembro en Vigo. A banda asturiana, liderada por Jorge ‘Ilegal’, é unha das máis veteranas e provocadoras do rock estatal das últimas décadas, recoñecida pola súa actitude combativa e longa traxectoria.
Formada en Xixón a comezos dos anos 80, Ilegales acadarou éxito con temas xa icónicos como ‘Soy un macarra’, ‘Problema sexual’, ‘Eres una puta’ ou ‘Tiempos nuevos, tiempos salvajes’. No ano 2022 publicaron La lucha por la vida, un disco de celebración dos seus 40 anos sobre os escenarios, no que reinterpretan os seus grandes éxitos xunto a artistas convidados como Bunbury, Loquillo, Vetusta Morla ou Dani Martín. Cunha carreira que combina á perfección irreverencia e solidez musical, a banda chega a The Wild en plena forma, convertida nunha lenda viva do rock nacional.
26.06.2025 | O festival The Wild volve con forza do 5 ao 7 de setembro a Vigo e presenta o primeiro avance do seu cartel musical no que destacan os artistas galegos. Nesta primeira quenda de confirmacións destacan Sr. Salvaje, Netta Rufina e Los Mortymer, tres bandas cun directo potente ás que se suman Cé Pantasma e Peter Punk para o deleite do público familiar. Música, cultura e natureza danse a man nesta cita que pecha o verán en Vigo con espírito salvaxe. O festival anunciará nas vindeiras semanas o cabeza de cartel, unha banda nacional de primeiro nivel que reforzará a aposta de The Wild polo rock con carácter e calidade. Trátase dun dos poucos festivais deste estilo que se manteñen en Galicia, converténdose xa nun referente. En anteriores edicións pasaron polo seu escenario artistas como Ángel Stanich, Arizona Baby, Los Zigarros, Aphonnic, SÉS ou Familia Caamagno.Ademais de música os asistentes poderán gozar tamén de cine ao aire libre, actividades infantís, rocódromo, andaina e a xincana de orientación pola natureza Orientaventura. Este formato multidisciplinar e familiar busca poñer en valor o Parque Forestal de San Miguel de Oia. The Wild é tamén unha celebración da comunidade: colabora coa veciñanza e a comunidade de montes, promove o consumo local a través do mercado de artesanía e a zona gastro e celebra un concurso de bandas galegas emerxentes. A final do concurso de bandas Salvaxesons terá lugar o venres 5 e repartirá 1.800 € en premios entre as catro bandas finalistas: Supergigante, Exeria, Martin Human e Gargantúa.
EntradasAs entradas para o sábado están xa á venda en www.thewildfest.com por 10,00 €. A entrada do venres e domingo é de balde, así como para os menores de 14 anos. Haberá zona de acampada e espazo para furgonetas con baños e duchas. O festival manté un prezo asequible reafirmando o seu compromiso coa accesibilidade cultural e a defensa dun modelo sostible e de proximidade. Desde a súa creación, The Wild defende unha forma diferente de vivir a música e a cultura: sen masificacións, co foco posto na calidade artística, o coidado da contorna e a creación dunha experiencia compartida para todas as idades.
O mercado Os últimos artesáns celebra a súa sétima edición como escaparate de oficios tradicionais e produtos sostibles.
A inscrición de artesáns está aberta ata o 1 de agosto.
22.04.2025 | The Wild organiza na súa sétima edición o mercado Os últimos artesáns, un espazo para artesáns que destacan por valerse de técnicas tradicionais, creando unha experiencia de patrimonio vivo para os asistentes. O mercado estará composto por trinta postos e a inscrición está aberta ata o 1 de agosto.
Os últimos artesáns terá lugar os días 5, 6 e 7 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia, de xeito paralelo às demais actividades de The Wild: concertos, The Wild Cinema, zona gastro, actuacións infantís e actividades para desfrutar da natureza.
A convocatoria está aberta a artistas e artesáns orixinais que sexan os creadores dos seus produtos. Darase prioridade a aqueles artesáns que traballen técnicas tradicionais, como olaría, carpintería, ebanistería, cantería, tallista, tapicería, téxtil, ourivería, luteiría, perfumería, restauración, pintura ou escultura. Ademáis da capacidade para manter un oficio tradicional vivo, tamén se valorará a estética do posto, a utilización de materiais respectuosos co medio ambiente, o valor artístico e a orixinalidade.
Para entrar no proceso de selección, deberanse ler coidadosamente as bases dispoñibles así coma as FAQ e cubrir o formulario de inscrición. Permitirase o acceso de ata tres persoas por posto ás que se lles facilitará un lugar de estacionamento e, de solicitarse, unha parcela na zona de cámping.
The Wild quere involucrar aos creadores da contorna na programación da súa sétima edición e neste momento ten abertas outras dúas convocatorias que se suman á de artesáns. As bandas emerxentes galegas poden participar en Salvaxesons, o concurso musical que chega a súa terceira edición e repartirá 1.800 € en premios. Os realizadores de cine teñen a oportunidade de participar en The Wild Cinema un certame internacional de cine medioambiental e de aventura único en Galicia que se proxecta ao aire libre durante os días do festival. As persoas interesadas en calquera das tres modalidades atoparán toda a información precisa na web de The Wild.
O festival de cine medioambiental abre a recepción de propostas para a súa vindeira edición ata o 30 de xuño.
O certame forma parte da programación de The Wild, que se celebra do 5 ao 7 de setembro en San Miguel de Oia (Vigo) con música, mercado, actividades infantís e deportivas.
07.04.2025 | O festival The Wild Cinema, abre o prazo para a recepción de obras audiovisuais. Este evento cinematográfico único distínguese polo seu enfoque en temáticas de natureza, aventura e sustentabilidade e nas súas seis anteriores edicións proxectou curtametraxes e longametraxes nominadas nos premios Goya e Óscar e seleccionadas en certames de referencia como Wild & Scenic Film Festival de California, e o BANFF Mountain Film Festival de Huesca.
The Wild Cinema é parte da ecléctica programación de The Wild, que se celebra en San Miguel de Oia (Vigo) os días 5, 6 e 7 de setembro, no que tamén teñen lugar concertos, actividades deportivas e espectáculos familiares. A aposta polas proxeccións de cine dentro da programación convirte a The Wild nun festival único dentro do panorama de festivais en Galicia. As proxección lévanse a nunha gran pantalla led no merendeiro do Parque Forestal, ofrecendo unha experiencia cinematógrafica diferente e ao aire libre.
O prazo de presentación de filmes está aberto ata o 30 de xuño de 2025 a través do formulario dispoñible na web e a plataforma Festhome. Como en anos anteriores, as curtametraxes proxectadas optan a tres premios: Gran Premio The Wild Cinema, á mellor longametraxe; Gran Premio The Wild Cinema, á mellor curtametraxe e Premio Esperanza, ao mellor filme medioambiental.
As pezas presentadas deberán ter unha duración máxima de 30 minutos para as curtas e 150 minutos para as longas. Aceptaranse traballos realizados no ano 2023 ou posterior. As obras presentadas deberán respectar a igualdade, a diversidade e a non discriminación e ter como eixo temático central a natureza, fauna, ameazas medioambientais, activismo ecolóxico ou deportes de aventura e montaña. As obras en calquera lingua diferente ao castelán ou galego deberán incluír subtítulos en calquera destas dúas linguas.
A terceira edición de Salvaxesons repartirá 1.800 € en premios. As inscricións están abertas ata o 11 de maio.
20.03.2025
O festival The Wild abre o período de inscrición para a terceira edición do concurso de bandas Salvaxesons.
Tras o éxito das edicións anteriores, esta iniciativa volve co obxectivo promover e difundir a música independente, así como fomentar os novos talentos musicais dentro de Galicia. O festival The Wild busca apoiar a música emerxente de calquera xénero, premiando a orixinalidade, a innovación, a experimentación e a fusión de sons e linguaxes diversos.
O concurso aumenta este ano a cuantía e número de bandas premiadas e repartirá un total de 1.800 €.
O primeiro premio será de 900 € e a oportunidade de abrir os concertos principais de The Wild, o sábado 5 de setembro. Os gañadores do segundo, terceiro e cuarto posto recibirán 400€, 300€ e 200€, respectivamente. Este ano, só catro bandas chegarán á final, polo que todas optan a un premio remunerado. Outra das novidades é que as bandas que cheguen á fase de duelos recibirán 50 € para transporte e gastos de viaxe, así como acceso gratuíto ao festival The Wild.
A dinámica do concurso será idéntica á de edicións anteriores. Unha vez pechado o período de inscrición, o 11 de maio, un xurado profesional seleccionará ás oito propostas que pasan á seguinte fase, os duelos. Na fase de duelos, a partir do 23 de maio, os grupos ou solistas batiranse en batallas musicais de dous en dous. Os duelos terán lugar a partir do 23 de maio e será o público quen elixa a banda gañadora de cada un deles cos seus votos, máis o voto de calidade do xurado. A organización atópase en negociacións con Vialia Centro Comercial para volver a celebrarlos no seu escenario exterior. As catro bandas vencedoras dos duelos pasarán á final do concurso que se celebrará no escenario principal de The Wild, o venres 5 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Nesta ocasión será competencia única do xurado o fallo dos premios.
Os artistas solistas e bandas interesados poden consultar as bases na web do festivale rexistrarse enviando un correo electrónico a salvaxesons@thewildfest.com co asunto “SALVAXESONS III + nome do grupo ou solista”.
Para ser elixibles, os aspirantes deben enviar tres cancións orixinais e contar con material suficiente para ofrecer un concerto de 45 minutos, no que se permite interpretar unha versión. A solicitude debe incluír o nome artístico, dirección completa, detalles dos membros (nome, idade, DNI), material gráfico, tres arquivos de audio en formato MP3/MP4, WAV, un dossier actualizado e a información de contacto do representante.
25.06.2024 | The Wild Fest publica o cartel completo da súa sexta edición revalidando o seu apoio ás bandas galegas coa incorporación de A polémica Banda dos Bechudos, Mad Martin Trío, Sanny, Law, The Kelly Kelly’s, Superglú e The Broke. Estes sete concertos incorpóranse a un cartel con catro grandes nomes: Julián Maeso, Dakidarría, Moura e Moonshine Wagon que serán o prato forte do festival na noite da xornada do sábado 31 de agosto. Na xornada do venres 30 de agosto o escenario do Parque Forestal de Oia acollerá a final do concurso de bandas emerxentes Salvaxesons na que participan Sanny, LAW, The Kelly Kelly’s, Superglú e The Broke. Neste caso será traballo do xurado decidir á banda gañadora da segunda edición do concurso e outorgar un segundo e tercer premio. O gañador recibirá 1.000 € e tocará de novo o sábado, abrindo as actuacións da xornada forte do festival. O segundo e terceiro recibirán 400 e 200 € respectivamente.
A Polémica Banda dos Bechuchos é un grupo creado por veciños de San Miguel de Oia, a parroquia viguesa na que ten lugar o festival. Crean un ambiente festivo alá onde despregan a súa mestura de rock con ritmos populares da música galega. Mad Martin Trío son unha banda compostelana influenciada pola música norteamericana dos anos 50 que porán o público a bailar rockabilly, swing, blues e boogie woogie. Ambos grupos tocarán nas sesións vermú do sábado e domingo.
Festival único en Vigo
The Wild Fest chega á súa sexta edición como un dos poucos certames musicais autoxestionados de Vigo, xa que non conta con grandes sumas de cartos públicos para financiarse. A cidade e a súa contorna levan anos experimentando a perda de festivais feitos por e para a comunidade, coa desaparición de Barbeira Season Fest, Vive Nigrán, Morrasound, Freixo Rock, Son das Mamoas, 85C… en beneficio dos macrofestivais. Na época das grandes citas multitudinarias apoiadas con millóns de cartos públicos, a organización de The Wild Fest aposta desde o inicio por unha programación na que o rock, escaso nas programacións públicas da cidade, é o protagonista do cartel e o ambiente tranquilo e familiar un dos seus grandes atractivos. O festival mantén a súa personalidade ano tras anos, afianzando unha comunidade que procura unha proposta de calidade, con prezos populares e non masificada.
Entradas á venda
As entradas están dispoñibles na web do festival con prezo reducido de 20,00 € ata o 15 de xullo. A única xornada de pago é a do sábado 31 de agosto, cando que se celebrarán os concertos de Julián Maeso, Dakidarría, Moura e Moonshine Wagon, entre outros. Os nenos menores de 14 anos entran gratis todos os días e non precisan reservar a entrada.
Para as persoas que desexen pasar a noite, o festival habilita unha zona de descanso na que acampar por un coste extra de 5,00 € por persona. Como na pasada edición, tamén haberá unha área reservada para furgonetas, cun coste de 10,00 € por vehículo. A entrada do venres e domingo é de balde e nestas xornadas celebraranse proxeccións de cinema medioambiental The Wild Cinema, actividades infantís e a ximcana polo parque forestal Orientaventura. Durante os tres días poderá desfrutarse do mercado de artesanía e da zona gastro.
The Wild Cinema abre o período de inscrición de filmes de temática medioambiental ata o 24 de xuño.
O festival celebrarase do 30 de agosto ao 1 de setembro, dentro do festival The Wild Fest, nunha gran pantalla no Parque Forestal de San Miguel de Oia
Baixo a sombra das árbores, cos pés na herba e os ollos ben abertos reúnense desde hai seis anos ducias de persoas no Parque Forestal de San Miguel de Oia para desfrutar de The Wild Cinema, un festival de cinema medioambiental único que reúne longas e curtas de todo o mundo.
The Wild Cinema abre o prazo de inscrición de filmes ata o 24 de xuño.
The Wild Cinema abre hoxe o período de inscrición de filmes que optarán a ser proxectados os días 30, 31 de agosto e 1 de setembro nunha gran pantalla instalada no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Os organizadores procuran curtametraxes e longametraxes de calquera parte do mundo de temática natureza, fauna, activismo ecolóxico, deportes de aventura ou montaña. A inscrición pode realizarse ata o 24 de xuño por algunha das dúas vías habilitadas: un formulario propio na web do certame e a plataforma Festhome.
As cintas poden ir destinadas tanto a público infantil como adultos e admítense tanto pezas documentais como de ficción. Por segundo ano, os filmes seleccionados optarán a tres premios que serán decididos por un xurado: Gran Premio The Wild Cinema, á mellor longametraxe; Gran Premio The Wild Cinema, á mellor curtametraxe e Premio Esperanza, ao mellor filme medioambiental.
O certame cinematográfico, que naceu en 2019 no seo do festival multidisciplinar vigués The Wild Fest, e o único festival de temática medioambiental en Galicia. Este ano continúa crecendo, repetindo fórmulas gañadoras como o bloque destinado á mocidade e a combinación de pezas de diferentes temáticas e técnicas, propiciando o deleite, a sorpresa, a adrenalina e a concienciación do público. Na pasada edición, os asistentes puideron ver pezas como a rusaHaulout, nominada ao Oscar na categoría de curta documental; a francesa L’ Effort des Hommes e a estadounidense Squid Fleet, ambas proxectadas na pasada edición do Festival de Cannes; ou a británica Wild Summon, unha alegoría da vida dos salmóns que vén de recibir dous premios no Festival Internacional de Cortometraxes de Clermont-Ferrand.
.O festival de música, cinema e na natureza The Wild Fest, que celebrará a súa sexta edición entre o 30 de agosto e o 1 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia pechará as inscricións o vindeiro luns 8 de abril.
.Os duelos serán os días 3,10, 24, 31 Mayo 7 Junio no C.C. Vialia Vigo.
.A organización incrementa os premios en metálico ata os 1600€.
O festival multidisciplinar The Wild, como en edicións anteriores, programará concertos de bandas galegas e nacionais, proxeccións de cinema medioambiental e actividades infantís, ademais de zona gastro, mercadiño e propostas para coñecer a contorna.
Os gañadores escolleranse en tres fases. A primeira criba será realizada por un xurado composto por Roberto Penas, Alfredo Dourado e Pablo Vázquez a partir dos tres temas gravados que as bandas entreguen no momento de facer a inscrición. O festival The Wild acadou un acordo de colaboración no cal o Centro Comercial Vialia de Vigo apoiara esta fase do concurso. Esta segunda fase terá lugar os dias 3,10, 24, 31 Mayo 7 Junio no C.C. Vialia Vigo e realizarase en formato duelo por parellas. A final será o propio concerto en The Wild Fest, onde se decidirá ao gañador en directo.
O concurso de bandas SalvaxeSons II busca descubrir e impulsar novos talentos da música galega. A competición terá cinco finalistas que poderán tocar o sábado 31 de agosto no escenario principal de The Wild. Ademais, os tres primeiros clasificados recibirán un premio en metálico de 1000€, 400€ e 200€ respectivamente, e as dez bandas clasificados para os “duelos” terán acceso gratuíto a The Wild Fest durante toda a fin de semana.
Poden participar bandas e solistas de calquera estilo, coas únicas condicións de ter un membro galego e non ter máis de un disco editado. As inscricións poderán realizarse no email salvaxesons@thewildfest.com adxuntando información da banda e tres cancións. As bases poden consultarse na web do festival.
O festival de música, cinema e deporte na natureza The Wild Fest, que celebrará a súa sexta edición entre o 30 de agosto e o 1 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia convoca o concurso de bandas SalvaxeSons.
O prazo de candidaturas ábrese este 12 de febreiro e pecharase o 1 de abril.
A organización incrementa os premios en metálico ata os 1600€.
09.02.2024 O festival multidisciplinar The Wild, como en edicións anteriores, programará concertos de bandas galegas e nacionais, proxeccións de cinema medioambiental e actividades infantís, ademais de zona gastro, mercadiño e propostas para coñecer a contorna.
O concurso de bandas SalvaxeSons II busca descubrir e impulsar novos talentos da música galega. A competición terá cinco finalistas que poderán tocar o sábado 31 de agosto no escenario principal de The Wild. Ademais, os tres primeiros clasificados recibirán un premio en metálico de 1000€, 400€ e 200€ respectivamente, e as dez bandas clasificados para os “duelos” terán acceso gratuíto a The Wild Fest durante toda a fin de semana.
Os gañadores escolleranse en tres fases. A primeira criba será realizada por un xurado a partir dos tres temas gravados que as bandas entreguen no momento de facer a inscrición. A segunda fase terá lugar durante o mes de maio nunha sala de Vigo ou arredores e realizarase en formato duelo por parellas. A final será o propio concerto en The Wild Fest, onde se decidirá ao gañador en directo. Poden participar bandas e solistas de calquera estilo, coas únicas condicións de ter un membro galego e non ter máis de un disco editado. As inscricións poderán realizarse no email salvaxesons@thewildfest.com adxuntando información da banda e tres cancións. As bases poden consultarse aquí.
O festival de música, cinema e deporte na natureza The Wild Fest celebra a súa sexta edición entre o 30 de agosto e o 1 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia.
O concurso de bandas Salvaxesons busca impulsar a carreira de novos artistas musicais galegos. A convocatoria e as bases serán difundidas o vindeiro 9 de febreiro.
06.02.2023 O festival multidisciplinar The Wild volverá celebrarse este verán e anuncia as datas da súa sexta edición, en 2024, que ocupará a fin de semana do 30, 31 de agosto e o 1 de setembro. Como en edicións anteriores o festival programará concertos de bandas galegas e nacionais, proxeccións de cinema e actividades infantís, ademais de zona gastro, mercadiño e propostas para coñecer a contorna.
O Parque Forestal de San Miguel de Oia volverá ser o escenario do The Wild. Trátase dun espazo de merendeiro cunmiradoiro privilexiado á ría de Vigo que é xa nun dos emblemas do festival, que ten como leimotiv facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.
A vindeira edición mantén a vontade das pasadas de englobar un gran número de actividades nunha soa cita e integralas no medio natural: concertos de folk e rock, The Wild Cinema, andaina, ximcana de orientación, obradoiros, mercadiño e espectáculos infantís.
O concurso de bandas Salvaxesons volta para descubrir e impulsar novos talentos da música galega. A competición terá cinco finalistas que poderán tocar o sábado 31 de agosto no escenario principal de The Wild. Ademais, os tres primeiros clasificados recibirán un premio en metálico.
Os gañadores escolleranse en tres fases. A primeira criba será realizada por un xurado a partir dos tres temas grabados que as bandas entreguen no momento de facer a inscrición. A segunda fase terá lugar durante o mes de abril nunha sala de concertos e realizarase en formato duelo por parellas das 10 bandas finalistas. A final será o propio concerto en The Wild Fest, onde se decidirá ao gañador en directo.
A convocatoria e as bases serán difundidas o vindeiro 9 de febreiro.
Investigador do impacto dos cambios científicos e tecnolóxicos na economía e no medio ambiente
Jeremy Rifkin, na súa entrevista con EATING OUR WAY TO EXTINCTION, fala de como o cambio climático é un problema desbocado en tempo real, que nos leva a un abismo e, a non ser que abordemos o ‘Elefante na sala’, é dicir, a agricultura animal como principal contribuínte ao gases de efecto invernadoiro, non conseguiremos gozar dos froitos da 3a revolución industrial.
Jeremy Rifkin é un teórico económico e social estadounidense, escritor, orador público, asesor político e activista. Rifkin é o autor de 21 libros sobre o impacto dos cambios científicos e tecnolóxicos na economía, a forza de traballo, a sociedade e o medio ambiente.
O Sr. Rifkin tamén está aconsellando no liderazgo da República Popular Chinesa sobre a creación e ampliación da infraestrutura da Terceira Revolución Industrial de Internet Plus para iniciar unha economía sostible e baixa en carbono. O Huffington Post informou desde Pekín o 29 de outubro de 2015 que “o primeiro ministro chinés, Li Keqiang, non só leu o libro de Jeremy Rifkin, A Terceira Revolución Industrial, e o tomou en serio. El e os seus colegas tamén o converteron no núcleo do décimo terceiro Plan Quinquenal do país…” O Huffington Post continúa dicindo que “este proxecto para o futuro de China sinala o cambio de dirección máis trascendental desde a morte de Mao e a chegada de Reforma e apertura de Deng Xiaoping en 1978.
Segundo EurActiv, “Jeremy Rifkin é un economista e autor estadounidense cuxo best-seller Terceira Revolución Industrial, sen dúbida, proporcionou o modelo para a transición de Alemaña a unha economía baixa en carbono e a aceptación estratéxica da política climática de China”.
Rifkin é o principal arquitecto da visión económica e do plan de desenvolvemento a longo prazo da Terceira Revolución Industrial da Unión Europea para introducir unha infraestrutura dixital de Internet destas accións en toda a Unión Europea e as súas rexións de colaboración para crear unha economía intelixente post-carbono, sociedade ecolóxica, e o mercado económico único integrado máis grande do mundo. O plan chámase “Europa intelixente”.
Este sábado, 15 de abril en Cañaveral, comezan os duelos de Salvaxesons o concurso de bandas celebrado ao abeiro de The Wild Fest.
11.04.2022| O concurso de bandas Salvaxesons, organizado polo festival The Wild Fest, chega á súa segunda fase: os duelos de bandas, nos que dez grupos galegos enfrontaranse de dous en dous para pasar á seguinte fase. Os duelos son concertos abertos e gratuítos que se celebran Cañaveral (Porta do Sol, 6) os sábados 15, 22, 29 de abril, 13 e 27 de maio ás 21h. Os gañadores de cada duelo serán elixidos a través do voto do público e de dous membros do xurado presentes en cada batalla.
Os dez grupos que actuarán en Cañaveral foron seleccionados por un xurado profesional entre máis de 40 bandas presentadas e teñen estilos moi diferentes, desde o pop ao punk, pasando por todas as cores do rock, a americana e o soul. As bandas que competirán son The Broke, Carla Lourdes, The Riggos, Visions of Johanna, The Mob Swing, Sanny, Blue Merrow, Another Wasted Year, The Mirror e Mad Mission. Os duelos foron emparellados ao azar, mediante un sorteo que se retrasmitiu nas redes sociais do festival o pasado 17 de marzo.
As cinco bandas gañadoras dos duelos recibirán un abono para desfrutar dos tres días de The Wild Fest e pasarán á terceira e última fase de Salvaxesons: unha actuación no escenario principal de The Wild Fest o 23 de xuño onde o xurado decidirá aos tres gañadores. Os premios serán de 600€, 300€ e 100€.
O xurado está formado por catro profesionais da música galega desde diferentes ámbitos. Alberto Cunha, músico, imitador e humorista con 30 anos de experiencia sobre os escenarios; Patricia Hermida, mánager e produtora de artistas como Susana Seivane ou Heredeiros da Crus, fundadora da Asociación MIM e presidenta da Agem (Asociación Galega Empresas Musicais); Pablo Vázquez, xornalista cultural en A Movida e autor do libro Son da cidade, sobre a música viguesa no século XXI; e Rafa Valero, xornalista radiofónico, cofundador de CÍES podcast e corresponsal de Marca en Vigo.
Programa de duelos de Salvaxesons
Todos os concertos son ás 21h en Cañaveral
Sábado 15 de abril – The Broke vs. Carla Lourdes
Sábado 22 de abril – The Riggos vs. Abrigo
Sábado 29 de abril – Sanny vs. The Mob Swing
Sábado 13 de maio – Blue Merrow vs. Another Wasted Year
Sábado 27 de maio – The Mirror vs. Mad Mission
THE WILD FEST 2023
A quinta edición do festival multidisciplinar The Wild Fest celébrase os días 23, 24 e 25 de xuño e este ano contará cos concertos de Ángel Satanich, Sés, Biznaga e Zeltia Irevire. Ademais haberá proxeccións de cinema, actividades infantís, zona gastro, mercadiño e propostas para coñecer a contorna.
O Parque Forestal de San Miguel de Oia volverá ser o escenario do The Wild Fest. Trátase dun espazo de merendeiro cunmiradoiro privilexiado á ría de Vigo que é xa nun dos emblemas do festival, que ten como leimotiv facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.
O venres 23 e domingo 25 o acceso ao festival é gratuíto. Para o sábado é necesario adquirir unha entrada na web https://thewildfest.com/entradas/. Na mesma billeteira pode reservarse praza no camping, tanto para tendas, como para furgonetas e autocaravanas.
15.03.2022. A galega SÉS e os madrileños Biznaga únense ao cartel do The Wild Fest que xa contaba coa presenza de Ángel Stanich. Con estas dúas incorporacións anuncianse os tres cabezas de cartel desta edición, na que tamén haberá sesións vermú, a final do concurso Salvaxesons e actuacións para público familiar.
O festival celébrase no Parque Forestal de San Miguel de Oia os días 23, 24 e 25 de xuño, un espazo natural con merendeiro, bosque autóctono e miradoiros á ría e as Illas Cés. Ademais da posibilidade de desfrutar de música e cultura na natureza o entorno propicia a realización de actividades como Orientaventura, actividade de orientación por equipos que cada ano enche as súas prazas; e Canicross, carreira na que os participantes van acompañados do seu can.
As entradas están á venda na web thewildfest.com a prezo reducido ata o 31 de marzo. Só será de pago o sábado 24, xornada na que se celebrarán os concertos de SÉS, Ángel Stanich e Biznaga, entre outros. A entrada do venres e domingo é de balde. O certame ofrece a posibilidade de pernoctar nun camping acondicionado para a ocasión no que tamén hai cabida para furgonetas e autocaravanas.
SÉS e Biznaga actuarán o sábado
A cantautora SÉS é a aposta galega para a quinta edición do The Wild Fest. Coñecida polo seu arrasador talante sobre os escenarios e a forza da súas letras. Sés mestura música tradicional con blues, rock & roll e canción de autor e os seus concertos están marcados pola súa personalidade carismática, honesta e combativa. No seu último disco Diante un eco, lanzado o pasado novembro, SÉS volve aos seus incios da súa carreira, pero desde a madurez e experiencia de quen ten oito discos publicados e quince anos de carreira musical.
Biznaga é unha das bandas máis eloxiadas do novo punk español. O grupo de malagueños afincados en Madrid fai temas de pop contundente e punk renovado que falan de temas actuais como a xentrificación, a vixilancia tecnolóxica ou a precariedade cun son moi guitarreiro. Co seu último disco, Bremen no existe, xiraron tanto por España como por Latinoamérica e Europa.
Entradas xa á venda
As entradas para o sábado (único día de pago) están desde hoxe á venda na plataforma Vivetix. As primeiras 400 venderanse a prezo especial de lanzamento de 15,00 €. As persoas que desexen durmir no cámping poderán reservar xa a súa praza por un suplemento de 5,00€. O acceso ao cámping estará aberto entre o venres 23 ás 15:00h e o luns 26 ás 12:00h.
Como novidade deste ano, e debido ao gran número de preguntas e suxerencias recibidas en anteriores edicións, este ano habilitarase un espazo para furgos e autocaravanas. A reserva nesta zona, con capacidade para 50 vehículos, ten un custe de 10,00 € por vehículo.
21.02.2022. The Wild Cinema cumpre cinco anos e prepara a súa edición máis ambiciosa. O certame de cinema con foco na natureza naceu en 2019 no seo do festival multidisciplinar vigués The Wild Fest e creceu ata adquirir a súa propia identidade e consolidarse como o único festival de temática medioambiental en Galicia.
Este ano continuará a crecer aumentando o número de filmes proxectados e de ralizadores convidados, creando sesións especialmente pensadas para a rapazada, repartindo tres galardóns e incorporando a posibilidade de desfrutar do certame en versión online.
The Wild Cinema abre o prazo de inscrición de filmes ata o 1 de maio
The Wild Cinema abre o período de inscrición de filmes que optarán a ser proxectados os días 23, 24 e 25 de xuño nunha gran pantalla instalada no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Os organizadores procuran curtametraxes e longametraxes de calquera parte do mundo de temática natureza, fauna, activismo ecolóxico, deportes de aventura ou montaña. A inscrición pode realizarse ata o 1 de maio por algunha das dúas vías habilitadas: un formulario propio na web do certame e a plataforma Festhome.
As cintas poden ir destinadas tanto a público infantil como adultos, xa que, por primeiro ano, The Wild Cinema contará con sesións especialmente pensadas para a cativada. Tamén se aceptarán tanto pezas documentais como de ficción.
Os filmes serán seleccionados pola súa capacidade para sensibilizar á audiencia tanto coa beleza como cos problemas medioambientales, facela reflexionar sobre o impacto da raza humana na súa contorna ou deixala abraiada coa pericia dos deportistas máis aventureiros.
The Wild Cinema crece na súa quinta edición
O certame é o único festival de temática medioambiental que existe nestes momentos en territorio galego e quere aproveitar o seu carácter singular para converterse na cita de referencia para os amantes da natureza e os seus defensores.
Por este motivo, o festival crecerá este ano en varios aspectos. A nova máis importante é a creación de tres premios que serán dedicidos por un xurado: Gran Premio The Wild Cinema, á mellor longametraxe; Gran Premio The Wild Cinema, á mellor curtametraxe e Premio Esperanza, ao mellor filme medioambiental. Outra das grandes novidades é a incorporación da modalidade online. Os filmes estarán dispoñibles para o visionado a través dunha plataforma en liña durante a fin de semana do evento e a semana posterior, multiplicando a audiencia e repercusión do certame. Ademais aumentan o número de filmes proxectados e de realizadores convidados e separaranse as sesións en adultos e cativos.
16.02.2022. O cantautor de rock alternativo Ángel Stanich é o primeiro artista confirmado no cartel musical de The Wild Fest. O cántabro actuará no escenario principal do Parque Forestal de San Miguel de Oia o sábado 24 de xuño, xunto a outras bandas españolas e galegas que o festival desvelará nas próximas semanas.
Outra novidade importante é o cambio de datas do certame, que trasládase á fin de semana anterior á anunciada en novembro. Finalmente, The Wild Fest celebraraseentre o 23 e o 25 de xuño, con entrada gratuíta tanto o venres como o domingo.
Nestas dúas xornadas os asistentes desfrutarán das proxeccións ao aire libre de The Wild Cinema, actividades infantís, sesións vermú con concertos, mercado, zona gastro e todo o bo ambiente e desfrute da natureza que distingue ao festival.
As entradas para o sábado e o camping xa están á venda na plataforma Vivetix a prezo de lanzamento ata o 31 de marzo. A petición popular, este ano haberá un espazo especialmente acondicionado para autocaravanas e furgonetas.
Ángel Stanich, cabeza de cartel
Esquivo, misterioso e personalísimo. Ángel Stanich converteuse non últimos anos nunha das voces referencia do panorama indie rock en España. Grazas ás súas letras irónicas e as súas melodías pegañentas, o cántabro sorprende disco tras disco co seu sentido do humor ácido e o seu talento compositivo.
Polvo de Battiato é o seu último traballo, un conxunto de temas que oscilan entre o pop, o rock e o folk e que o volven situar como un dos artistas máis interesantes do panorama musical nacional.
O artista demostrou o seu tirón o ano pasado, enchendo durante dúas noitesconsecutivas a Sala Riviera de Madrid, onde subiu ao escenario acompañado de artistas da altura de Quique González ou Mikel Erentxun.
Cambio de datas e celebración de San Xoán
O festival multidisciplinar The Wild cambia de datas. Pasa aos días 23, 24 e 25 de xuño.
Isto fai que o festival coincida coa celebración de San Xoán, algo que non pasa por alto a organización que, xunto ás asociacións de Liñares e San Miguel de Oia, organizará unha festa de San Xoán na noite do venres 23 na que non faltarán as sardiñas á brasa, e o conxuro da queimada. A música está asegurada coa celebración da final do concurso de bandas SALVAXESONS:
Entradas xa á venda
As entradas para o sábado (único día de pago) están desde hoxe á venda na platorma Vivetix. As primeiras 400 venderanse a prezo especial de lanzamento de 15,00 €. As persoas que desexen durmir no cámping poderán reservar xa a súa praza por un suplemento de 5,00€. O acceso ao cámping estará aberto entre o venres 23 ás 15:00h e o luns 26 ás 12:00h.
Como novidade deste ano, e debido ao gran número de preguntas e suxerencias recibidas en anteriores edicións, este ano habilitarase un espazo para furgos eautocaravanas. A reserva nesta zona, con capacidade para 50 vehículos, ten un custe de 10,00 € por vehículo.
The Wild Fest pecha a súa cuarta edición e consolídase como un festival capaz de aunar potentes directos de rock con ambiente familiar.
A organización está xa coa mirada posta na quinta edición.
13.07.2022 | Os pasados 8, 9 e 10 de xullo o Merendeiro do Parque Forestal de San Miguel de Oia albergou The Wild Fest, un festival único, pensado para poñer en valor o coidado pola natureza e ofrecer unha oferta cultural afastada da habitual.
Durante os tres días de celebración máis dun milleiro de persoas achegáronse a desfrutar da música, o cinema, as faladoiros, os postos de comida e as actividades infantís. Estas últimas atraeron a centos de maiores e pequenos ás actuacións de Peter Punk e Brais das Hortas e Cé Orquestra Pantasma, ou aos obradoiros de circo, pintura e escalada.
Outro dos puntos fortes do The Wild Fest é que se trata do único en Vigo e a súa contorna no que ver grandes concertos de rock, un estilo desprazado nas úlmas décadas nos carteis dos festivais. Proba disto foron os potentes directos de Aurora & The Betrayers, Corizonas e Moonshine Wagon; así como o de Aphonnic, a banda viguesa referente en nu metal galego, que pechou a noite do sábado.
O lugar de celebración é un dos aspectos máis destacados polos asistentes e insignia do certame. O merendeiro e miradoiro arbolado resagardou aos asistentes das altas temperaturas da pasada fin de semana, e propiciou unha sensación térmica de ata 6 grados por debaixo do centro da cidade. Os organizadores, que xa están a pensar na próxima edición, destacan ademais o traballo coa comunidadede San Miguel de Oia, xa que veciños, comuneiros e negocios locais son vitais para levar a cabo un festival que ten o respecto da contorna no seu ADN. Actividades como o Bosque de Xela Arias, as xornadas co fogar e clínica San Rafael, a andaina solidaria con Bicos de Papel ou a presenza no recinto dunha mesa informativa de Aldeas Infantís, contribúen a poñer en valor a zona.
THE WILD FEST
The Wild naceu en 2019 co obxectivo de poñer en valor o noso patrimonio natural, o coidado dos nosos montes e o respecto polo medio ambiente a través da programación de actividades deportivas e culturais no entorno natural do Parque Forestal de San Miguel de Oia.
Busca destacar como o festival multidisciplinar e medioambiental de referencia na comarca de Vigo polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.
O festival internacional The Wild Cinema celebra a súa cuarta edición entre o 8 e o 19 de xullo e afiánzase como a única mostra de cinema medioambiental que se celebra en Galiciaactualmente.
Nunha gran pantalla instalada no merendeiro de San Miguel de Oia proxectaranse filmes premiados en certames internacionais que son estreas en Galicia, como Eating our Way to Extintion, un documental producido e narrado por Kate Winslet sobre a industria alimentaria.
As entradas están á venda na páxina web de The Wild Fest.
Por cuarto ano consecutivo o festival multidisciplinar The Wild Fest acollerá The Wild Cinema, unha mostra de cinema medioambiental que aborda temas como a ecoloxía, o activismo, a vida salvaxe ou o deporte de aventura na natureza. Os filmes serán proxectados nunha gran pantalla instalada no merendeiro do Parque Forestal de San Miguel de Oia, ao aire libre e rodeados de natureza.
A programación estará dividida en catro sesións: dúas o venres (18 e 19:30h), unha o sábado (15h) e outra o domingo (17:30h). Para acceder o venres e o sábado será preciso ter a entrada a The Wild Fest, que pode comprarse na web do festival. O domingo a entrada é de balde a todas as actividades, incluído o cinema.
A escolma está formada por títulos españois e internacionais, seleccionados pola súa capacidade para facernos empatizar cos problemas derivados da intervención humana na natureza, plantexarnos as nosas accións diarias ou deixarnos coa boca aberta ante a pericia de certos deportistas de aventura ou a beleza do noso planeta.
Destaca o documental Eating our way to extintion, peza gañadora do festival Suncine de Barcelona en 2021 que aínda non foi proxectada en Galicia. Producida e narrada por Kate Winslet, esta película leva ao público a unha viaxe cinematográfica arredor do mundo, desde as profundidades das selvas amazónicas ata as montañas de Taiwan, o deserto de Mongolia, ou as costas escocesas, contando a historia do noso planeta a través de testemuños impactantes, relatos conmovedores dos pobos máis afectados pola industria da alimentación, figuras de renome mundial e científicos destacados. Será proxectada na sesión do sábado a mediodía.
Tamén poderemos ver Stolen Fish, un poderoso documental sobre a explotación da costa de Gambia por parte das fábricas chinesas de fariña de peixe, poñendo en perigo a principal fonte de riqueza e alimentación do país máis pequeno de África. Unha curta dirixida pola polaca Malgorzata Juszczak e tamén premiada en Suncine, así como Sheffield International Documentary Festival, en Reino Unido ou Tallinn Black Nights Film Festival.
Ofelia de Pablo e Javier Zurita codirixen dúas das curtas que serán proxectadas: Doñana´s Beating Heart e Sharing the Land. Doñana´s Beating Heart afonda na delicada situación do lince ibérico no maior humedal de España coa apertura do parque nacional a cazadores, agricultores e moreas de turistas. A historia está contada polas persoas activistas que denuncian a situación e traballan para evitar que Doñana entre na lista de Patrimonio mundial en perigo da UNESCO. Sharing the Land aborda a delicada situación do lobo ibérico e a, ás veces non moi harmoniosa, convivencia da especie cos pastores e o gando. Foi galardoada no Wildscreen Festival de Reino Unido.
Todo os filmes proxectados en The Wild Cinema serán estreas en Galicia e amosan o compromiso do certame por exhibir traballos audiovisuais dirixidos por mulleres ou nos que elas son as protagonistas. Entradas As entradas están á venda a través da billeteira Vivetix con opción á compra por días ou abono completo. En todos os casos hai posibilidade de acampar por un pequeno suplemento. A entrada o domingo é gratuíta ata completar o aforo do recinto. Os nenos ata 14 anos non pagan entrada.
.- The Wild Fest anuncia o seu cartel musical completo coa incorporación de sete bandas galegas: Wöyza & The Galician Messengers, Boyanka Kostova, Músculo!, Wondercovers e Blues do País e Sindicato da Verbena, para adultos. Peter Punk e Brais das Hortas e Cé Orquestra Pantasma, para público infantil.
.- Os abonos xa están á venda na plataforma Vivetixcon posibilidade de mercar entradas por días e opción con acampada.
.- The Wild Fest celébrase entre o 8 e o 10 de xullo no Parque Forestal de San Miguel de Oia (Vigo)
06.04.2022 |O festival multidisciplinar The Wild anuncia o seu cartel completo que, un ano máis, combina bandas relevantes a nivel nacional con forte presenza de artistas galegos que se darán cita no Parque Forestal de San Miguel de Oia do venres 8 ao domingo 10 de xullo. Xa estaba anunciada a presenza de Aurora & The Betrayers, Corizonas, Aphonnic, Moonshine Wagon e A Roda.
A eles súmanse Wöyza and the Galician Messegers, que fusionan con orixinalidade o soul e o hip-hop con repertorio tradicional galego;Boyanka Kostova, o dúo de trap con máis retranca, formado por Saibran Yiyi e o Chicho do Funk; e Músculo!, reis da electrónica galega e gañadores dos premios Martín Códax nesta categoría. Os tres actuarán na noite do venres.
O vermú do sábado estará amenizado por A Roda, a banda de música tradicional fundada en Teis en 1976 e pola noite será o turno do grupo de versións de coñecidos temas dos 70, 80 e 90, Wondercovers; seguidos pola madrileña Aurora & the Betrayers, o toque bluegrass dos Moonshine Wagon, o indie rock dos Corizonas e a potencia metaleira dos vigueses Aphonnic.
O domingo poderemos desfrutar en sesión vermú do dúo Blues do País acompañado pola banda Sindicato da Verbena, que nos farán bailar coa súa retranqueira mestura de cantigas galegas levadas ao terreo do blues e o R&B.
O ambiente familiar en The Wild Fest é un dos aspectos máis coidados pola organización do festival e nunca faltan as actuacións dirixidas a público infantil. Este ano, os encargados de facer rir á rapazada serán Peter Punk e Brais das Hortas o sábado, un dúo irreverente que combina circo e música con grandes doses de comedia; e Cé Orquestra Pantasma, o domingo, unha orquestra completa interpretada por un só home, César Freiría. Tamén o domingo haberá unha sesión de contacontos con Miguel Anxo Alonso Diz, escritor de literatura infantil que acaba de publicar O país da choiva.
Como nas edicións anteriores, a proposta multidisciplinar de The Wild Fest incluirá proxeccións de cinema medioambiental, faladoiros, zona gastro, zona de mercadiño e encontros con artesáns. Outro dos piares importantes de The Wild Fest desde os seus inicios é animar á cidadanía a desfrutar da natureza de xeito activo, mediante a organización dunha andaina, unha actividade de orientación e a carreira de obstáculos Xacobeo Wild Race, que este ano terá lugar o domingo anterior, 3 de xullo coa novidade dunha categoría específica para nenos, a Pequerace.
Entradas
As entradas están á venda a través da billeteira Vivetix con opción á compra por días ou abono completo. En todos os casos hai posibilidade de acampar por un pequeno suplemento. A entrada o domingo é gratuíta ata completar o aforo do recinto.
The Wild naceu en 2019 co obxectivo de poñer en valor o noso patrimonio natural, o coidado dos nosos montes e o respecto polo medio ambiente a través da programación de actividades deportivas e culturais no entorno natural do Parque Forestal de San Miguel de Oia.
Na vindeira edición, The Wild, que se celebrará entre o 3 e o 10 de xullo de 2022, buscará destacar como o festival multidisciplinar e medioambiental de referencia na comarca de Vigo polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.