A banda asturiana cancela a súa actuación en Vigo por motivos de saúde e no seu lugar actuará El Drogas. O resto do programa tamén sufre modificacións.
O festival celébrase do 5 ao 7 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia.
02.09.2025 | The Wild Fest anuncia a incorporación de El Drogas como cabeza de cartel tras a lamentable cancelación de Ilegales debido a un problema de saúde que afecta ao seu vocalista e líder, Jorge Martínez. A nova da cancelación coñeceuse onte ás 22:00h cun comunicado a través das redes sociais da banda e do festival no que podía lerse: “Lamentamos informar que Ilegales non poderá actuar este sábado 6 de setembro en The Wild debido a un problema de saúde e por prescrición médica, que afecta a Jorge Martínez, vocalista e líder da banda”.
Enrique Vilarreal Armendáriz, coñecido como El Drogas, ocupará o seu lugar no cartel e actuará o venres no Parque Forestal de San Miguel de Oia. El Drogas é un músico pamplonés de renome e figura clave do rock en español, coñecido por ser durante case trinta anos cantante e baixista da banda Barricada, con quen gravou quince discos. Ademais da súa inconfundible voz, El Drogas é un recoñecido compositor, responsable de himnos do rock estatal como “En blanco y negro”, “No hay tregua” ou “Todos mirando”. O seu carisma e enerxía no escenario convertérono nunha icona dos anos 80 e 90.
Cambios no programaO cambio do cabeza de cartel do sábado para o venres conleva outras modificacións importantes na distribución dos concertos ao longo da fin de semana. As máis importantes son o traslado da final de Salvaxesons, cos concertos de Supergigante, Martin Human, Exeria e Gargantúa, para o sábado e o cambio do concerto de Sr. Salvaje para o venres, previo a actuación de El Drogas.

Tamén cambian de horario as sesións de The Wild Cinema. Non sufren modificacións as actividades infantís nin a programación do domingo.
Entradas
As persoas que adquiriron as súas entradas para o recital de Ilegales o sábado poderá utilizalas para gozar do concerto de El Drogas o venres, sen necesidade de realizar ningún trámite adicional.
As persoas que desexen devolver as súas entradas, deberán buscar no mail de confirmación de compra a liña “En caso que non poidas ver as túas entradas pulsa aquí”, pulsar sobre ela e, unha vez na web da ticketeira, atoparán a opción de cancelar.
Á venda de entradas continúa activa. As entradas para o venres están dispoñibles en www.thewildfest.com a un prezo de 10,00 €. O sábado e o domingo a entrada é gratuíta, ao igual que para menores de 14 anos. O festival conta con zona de acampada e espazo para furgonetas con baños e duchas, reforzando o seu carácter accesible e familiar.
A organización de The Wild Fest lamenta as molestias ocasionadas por este cambio de última hora e agradece a comprensión do público.




































