Categorías
THE WILD NEWS

The Wild Cinema busca filmes medioambientais

The Wild Cinema abre o período de inscrición de filmes de temática medioambiental ata o 1 de maio.

O festival celebrarase os días 23, 24 e 25 de xuño, dentro do festival The Wild Fest, e as proxeccións serán ao aire libre.

21.02.2022. The Wild Cinema cumpre cinco anos e prepara a súa edición máis ambiciosa. O certame de cinema con foco na natureza naceu en 2019 no seo do festival multidisciplinar vigués The Wild Fest e creceu ata adquirir a súa propia identidade e consolidarse como o único festival de temática medioambiental en Galicia.

Este ano continuará a crecer aumentando o número de filmes proxectados e de ralizadores convidados, creando sesións especialmente pensadas para a rapazada, repartindo tres galardóns e incorporando a posibilidade de desfrutar do certame en versión online.

The Wild Cinema abre o prazo de inscrición de filmes ata o 1 de maio

The Wild Cinema abre o período de inscrición de filmes que optarán a ser proxectados os días 23, 24 e 25 de xuño nunha gran pantalla instalada no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Os organizadores procuran curtametraxes e longametraxes de calquera parte do mundo de temática natureza, fauna, activismo ecolóxico, deportes de aventura ou montaña. A inscrición pode realizarse ata o 1 de maio por algunha das dúas vías habilitadas: un formulario propio na web do certame e a plataforma Festhome.

As cintas poden ir destinadas tanto a público infantil como adultos, xa que, por primeiro ano, The Wild Cinema contará con sesións especialmente pensadas para a cativada. Tamén se aceptarán tanto pezas documentais como de ficción.

Os filmes serán seleccionados pola súa capacidade para sensibilizar á audiencia tanto coa beleza como cos problemas medioambientales, facela reflexionar sobre o impacto da raza humana na súa contorna ou deixala abraiada coa pericia dos deportistas máis aventureiros.

The Wild Cinema crece na súa quinta edición

O certame é o único festival de temática medioambiental que existe nestes momentos en territorio galego e quere aproveitar o seu carácter singular para converterse na cita de referencia para os amantes da natureza e os seus defensores. 

Por este motivo, o festival crecerá este ano en varios aspectos. A nova máis importante é a creación de tres premios que serán dedicidos por un xurado: Gran Premio The Wild Cinema, á mellor longametraxe; Gran Premio The Wild Cinema, á mellor curtametraxe e Premio Esperanza, ao mellor filme medioambiental.
Outra das grandes novidades é a incorporación da modalidade online. Os filmes estarán dispoñibles para o visionado a través dunha plataforma en liña durante a fin de semana do evento e a semana posterior, multiplicando a audiencia e repercusión do certame. Ademais aumentan o número de filmes proxectados e de realizadores convidados e separaranse as sesións en adultos e cativos.