Categorías
THE WILD NEWS

Sete bandas galegas completan o cartel do The Wild Fest 

O festival de música, cinema e lecer na natureza celebra a súa sexta edición do 30 de agosto ao 1 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia.

The Wild Fest consolídase como o único festival de pequeno formato no verán vigués.

As entradas xa están á venda!

25.06.2024 | The Wild Fest publica o cartel completo da súa sexta edición revalidando o seu apoio ás bandas galegas coa incorporación de A polémica Banda dos Bechudos, Mad Martin Trío, Sanny, Law, The Kelly Kelly’s, Superglú e The BrokeEstes sete concertos incorpóranse a un cartel con catro grandes nomes: Julián Maeso, Dakidarría, Moura e Moonshine Wagon que serán o prato forte do festival na noite da xornada do sábado 31 de agosto.
Na xornada do venres 30 de agosto o escenario do Parque Forestal de Oia acollerá a final do concurso de bandas emerxentes Salvaxesons na que participan Sanny, LAW, The Kelly Kelly’s, Superglú e The Broke. Neste caso será traballo do xurado decidir á banda gañadora da segunda edición do concurso e outorgar un segundo e tercer premio. O gañador recibirá 1.000 € e tocará de novo o sábado, abrindo as actuacións da xornada forte do festival. O segundo e terceiro recibirán 400 e 200 € respectivamente.

A Polémica Banda dos Bechuchos é un grupo creado por veciños de San Miguel de Oia, a parroquia viguesa na que ten lugar o festival. Crean un ambiente festivo alá onde despregan a súa mestura de rock con ritmos populares da música galega.  Mad Martin Trío son unha banda compostelana influenciada pola música norteamericana dos anos 50 que porán o público a bailar rockabilly, swing, blues e boogie woogie. Ambos grupos tocarán nas sesións vermú do sábado e domingo.

Festival único en Vigo

The Wild Fest chega á súa sexta edición como un dos poucos certames musicais autoxestionados de Vigo, xa que non conta con grandes sumas de cartos públicos para financiarse. A cidade e a súa contorna levan anos experimentando a perda de festivais feitos por e para a comunidade, coa desaparición de Barbeira Season Fest, Vive Nigrán, Morrasound, Freixo Rock, Son das Mamoas, 85C… en beneficio dos macrofestivais.
Na época das grandes citas multitudinarias apoiadas con millóns de cartos públicos, a organización de The Wild Fest aposta desde o inicio por unha programación na que o rock, escaso nas programacións públicas da cidade, é o protagonista do cartel e o ambiente tranquilo e familiar un dos seus grandes atractivos. O festival mantén a súa personalidade ano tras anos, afianzando unha comunidade que procura unha proposta de calidade, con prezos populares e non masificada.

Entradas á venda

As entradas están dispoñibles na web do festival con prezo reducido de 20,00 € ata o 15 de xullo. A única xornada de pago é a do sábado 31 de agosto, cando que se celebrarán os concertos de  Julián Maeso, Dakidarría, Moura e Moonshine Wagon, entre outros. Os nenos menores de 14 anos entran gratis todos os días e non precisan reservar a entrada.

Para as persoas que desexen pasar a noite, o festival habilita unha zona de descanso na que acampar por un coste extra de 5,00 € por persona. Como na pasada edición, tamén haberá unha área reservada para furgonetas, cun coste de 10,00 € por vehículo.
A entrada do venres e domingo é de balde e nestas xornadas celebraranse proxeccións de cinema medioambiental The Wild Cinema, actividades infantís e a ximcana polo parque forestal Orientaventura. Durante os tres días poderá desfrutarse do mercado de artesanía e da zona gastro.