Categorías
THE WILD NEWS

The Wild arranca hoxe en Vigo con El Drogas como cabeza de cartel

O festival celébrase do 5 ao 7 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia.

A entrada ten un prezo de 10,00 € o venres e é de balde o sábado e o domingo.

O festival, único en Galicia, combina música, cine ao aire libre e conciencia medioambiental.

05.09.2025 | O Parque Forestal de San Miguel de Oia convértese desde hoxe e ata o domingo no escenario do festival The Wild, unha cita multidisciplinar que une música, natureza, cine e actividades para todas as idades e que leva por bandeira o coidado do medio ambiente.

O gran protagonista da xornada inaugural será El Drogas, figura clave do rock en español e cabeza de cartel do festival tras a cancelación de Ilegales. O músico navarro, que foi líder da banda Barricada durante case tres décadas, subirá ao escenario esta noite cun directo cargado de enerxía e carisma, reafirmando a aposta de The Wild polo rock con carácter e autenticidade.

Natureza, cultura e conciencia ambiental

Máis aló da música, The Wild distingueuse sempre polo seu compromiso coa natureza e a sustentabilidade. Nesta edición, a programación medioambiental cobra unha especial relevancia. The Wild Cinema, festival internacional de cine medioambiental, ofrecerá dezaseis filmes de once países, que abordarán cuestións como o cambio climático, o activismo ecolóxico, o goce da natureza ou a práctica de deportes de montaña. Os filmes proxéctanse ao aire libre entre árbores.

O público poderá tamén participar en Orientaventura, unha xincana de orientación que anima a descubrir o monte resolvendo probas, e na tradicional Andaina, un percorrido guiado pola Comunidade de Montes de San Miguel de Oia que pon en valor a riqueza ambiental e paisaxística da zona. Estas propostas recordan a importancia de coidar dos nosos montes, especialmente despois dos incendios que este ano volveron poñer de manifesto a súa vulnerabilidade, convertendo o festival nunha celebración cultural que tamén é unha chamada á responsabilidade colectiva.

Un festival para toda a familia

A programación reserva un lugar destacado para o público familiar. Durante as tardes, o recinto transformarase nun espazo de lecer pensado para que nenos e adultos desfruten con propostas como o espectáculo Animalada de Cé Orquestra Pantasma, o novo show Con lingua propia de Peter Punk Pallaso, e as inéditas Olimpíadas Pallasas, nas que deporte, teatro e xogos tradicionais se mesturan nun ambiente cheo de humor e participación. Non faltarán tampouco obradoiros, xogos, pintacaras e outros espazos pensados para que as familias gocen dunha xornada completa ao aire libre.

Entradas

As entradas teñen un prezo de 10 euros para o venres, mentres que o sábado e o domingo a entrada será de balde, ao igual que para menores de 14 anos. O festival dispón ademais de zona de acampada e espazo para furgonetas con baños e duchas.O festival manté un prezo asequible reafirmando o seu compromiso coa accesibilidade cultural e a defensa dun modelo sostible e de proximidade. Desde a súa creación, The Wild defende unha forma diferente de vivir a música e a cultura: sen masificacións, co foco posto na calidade artística, o coidado da contorna e a creación dunha experiencia compartida para todas as idades.