Categorías
THE WILD NEWS

O CEIP Ría de Vigo recibe o galardón Vigueses distinguidos e agradece a The Wild o traballo conxunto nas accións solidarias co seu alumnado

Comunicado do CEIP Ría de Vigo (San Miguel de Oia)

Estimada famiRIA:

Hoxe estamos moi felices xa que é un día especial para o noso centro e por suposto para toda a famiRIA que formamos esta pequena pero gran comunidade educativa. Como sabedes hoxe o noso centro CEIP PL. Ría de Vigo recibe a distinción de VIGUÉS DISTINGUIDO polo seu 50 aniversario.

Levamos cincuenta anos de ensino, e tamén de aprendizaxes, na parroquia de San Miguel de Oia tentando sempre facer as cousas do mellor xeito posible. En tanto tempo de seguro que se cometeron, e cometen, erros, pero tamén é ben seguro que houbo moitos máis acertos. Acertos necesarios para medrar día a día no obxectivo de ser un cole PÚBLICO de todos e todas, e para todas e todos.

Desde logo que é moita xente a que ten traballado, e traballa, por e para o noso centro. Por tanto sirva tamén de agradecemento imprescindible a todas elas e eles esta distinción por tantas horas e esforzos, a maioría das veces nen sequera recoñecidos. Especial mención a todo o profesorado actual e ao que leva pasado polo cole nestes anos así como aos anteriores equipos directivos que foron colocando os chanzos necesarios para ter un cole no que estamos orgullosos de ser o que somos, de ser como somos, de facer como facemos e de sentir coma sentimos.

Agradecemento agarimoso e infinito ao meu actual equipo directivo que nunha sorte de moeda tiveron a cruz xestionando unha dificilísima situación derivada do covid pero que a casualidade quiso que, en certo modo, a cara sexa este histórico momento de celebración do medio século do Ría.. E por suposto, mención especialísima ao noso querido alumnado, esencia absoluta do Ría e para quenes van tódolos nosos esforzos, esperanzas e ilusións.

Alumnos e alumnas que neste tempo foi mudando de bando. Quenes antes eran alumnado, en moitos casos, agora son pais e nais de alumnado. Esta tarde unha comitiva da famiRIA estaremos no Teatro Afundación neste irrepetible e seguro que emocionante acto para quenes sentimos o Ría. Xunto co profesorado do centro tamén estarán cando nós diferentes persoas representando diferentes estamentos e entidades sen as que non se podería entender a nosa escola. É moito de agradecer a boa disposición e o entusiasmo destas persoas ao recibir o convite para celebrar estes 50 anos do que tamén é o seu cole. Estamos felices de que nos acompañen:

Representantes do persoal non docente do centro. Imprescindibles no día a día do centro: cociña, limpeza, coidadores comedor, conserxes… Imposible que o cole funcionara como o fai sen o seu compromiso e implicación.

Representantes da ANPA. Representando ás familias e alumnado. Nunca será suficientemente agradecido o traballo das diferentes ANPAs que levan pasado polo noso centro e que son imprescindibles para seguir sendo o que somos.

Representantes da Comunidade de Montes. Sempre coa porta aberta para axudar ao cole todo o que poden. Agradecidos é pouco.

Representantes empresa autobuses “La Florida”, 40 anos ao noso carón. 40 anos de facer máis do que tocaba. Nada máis que decir.

Representantes da AVV. de San Miguel. Somentes podemos estar agradecidos das facilidades que sempre dan para o que lles solicitamos.

Representantes da Banda Lira. Simbiose fantástica entre o Ría e a Lira. A banda sonora do Ría non se entendería sen a nosa querida Lira.

Representantes do Grupo Recuperación “Muiños de Gontade”. Grazas aos que temos o noso Bosque da Lingua: Xela Arias que agardamos seguir potenciando e desfrutando.

Representantes festival “The Wild”. Moitas veces a intensidade das relación non as marca o tempo de duración da mesma e si o bo entendemento. O RÍA ten o seu lado salvaxe grazas á esta xente.

Somos unha famiRIA e queremos seguir por este camiño canda menos outros 50 anos máis, e que poidamos velo, desde logo!! Queremos seguir berrando ben alto, claro e con orgullo outros 50 anos:

EU SON DO RÍA !!!!!!

Grazas a todos e todas por sumar para que este día sexa inolvidable. Desfrutemos do día que é o noso día. O día do noso RÍA!!

De parte da equipa do The Wild, parabéns e a por 50 anos máis!