Categorías
THE WILD NEWS

Aurora & The Betrayers, Corizonas, Aphonnic e Moonshine Wagon, primeiros concertos confirmados de The Wild Fest

| O festival multidisciplinar na natureza, The Wild Fest, confirma a presenza de catro bandas no seu escenario principal e unha sesión vermú coa formación tradicional A Roda.

| Os abonos saen hoxe á venda na plataforma Vivetixa un prezo especial de 26 € para os 100 primeiros compradores.

| The Wild Fest celébrase entre o 8 e o 10 de xullo no Parque Forestal de San Miguel de Oia (Vigo)

24.03.2022 O festival The wild Fest confirma os primeiros artistas do seu cartel que un ano máis está dominado por bandas de rock galegas e españolas. A madrileña Aurora & the Betrayers, o toque bluegrass dos Moonshine Wagon, o indie rock dos Corizonas e a potencia metaleira dos vigueses Aphonnic son algúns dos concertos que poderemos desfrutar nas noites do venres e o sábado no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Tamén está confirmada a presenza do grupo de música tradicional A Roda para a sesión vermú do sábado.

O cartel completarase con máis concertos no escenario principal, que serán desvelados nas próximas semanas, así como propostas musicais durante o día, tanto para adultos como para a cativada. O publico familiar poderá desfrutar dun completo programa con teatro, contacontos e outras actividades lúdicas e creativas pensadas especialmente para que os pequenos da casa desfruten dunha xornada na natureza. Como nas edicións anteriores, a proposta multidisciplinar de The Wild Fest incluirá tamén proxeccións de cinema medioambiental, faladoiros, zona gastro, zona de mercadiño e encontros con artesáns.

Outro dos piares importantes de The Wild Fest desde os seus inicios é animar á cidadanía a desfrutar da natureza de xeito activo, mediante a organización dunha andaina, unha actividade de orientación e a carreira de obstáculos Xacobeo Wild Race, que este ano terá lugar o domingo anterior, 3 de xullo coa novidade dunha categoría específica para nenos, a Pequerace.

As entradas están á venda a partir de hoxe con opción a compra por días ou abono completo. O abono ten un prezo de lanzamento de 27€ para as 100 primeiras persoas que se fagan con el a través da billeteira Vivetix. Unha vez vendidos eses 100, o abono pasará a custar 30€. A entrada o domingo é gratuíta ata completar o aforo do recinto.

THE WILD FEST

The Wild naceu en 2019 co obxectivo de poñer en valor o noso patrimonio natural, o coidado dos nosos montes e o respecto polo medio ambiente a través da programación de actividades deportivas e culturais no entorno natural do Parque Forestal de San Miguel de Oia.

Na vindeira edición, The Wild, que se celebrará entre o 3 e o 10 de xullo de 2022, buscará destacar como o festival multidisciplinar e medioambiental de referencia na comarca de Vigo polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.

==Equipo comunicación The Wild==