Categorías
THE WILD NEWS

The Wild Cinema, cinema medioambiental en plena natureza

O festival internacional The Wild Cinema celebra a súa cuarta edición entre o 8 e o 19 de xullo e afiánzase como a única mostra de cinema medioambiental que se celebra en Galicia actualmente.

Nunha gran pantalla instalada no merendeiro de San Miguel de Oia proxectaranse filmes premiados en certames internacionais que son estreas en Galicia, como Eating our Way to Extintion, un documental producido e narrado por Kate Winslet sobre a industria alimentaria.

As entradas están á venda na páxina web de The Wild Fest.

Por cuarto ano consecutivo o festival multidisciplinar The Wild Fest
acollerá The Wild Cinema, unha mostra de cinema medioambiental que aborda temas como a ecoloxía, o activismo, a vida salvaxe ou o deporte de aventura na natureza. Os filmes serán proxectados nunha gran pantalla instalada no merendeiro do Parque Forestal de San Miguel de Oia, ao aire libre e rodeados de natureza.


A programación estará dividida en catro sesións: dúas o venres (18 e 19:30h), unha o sábado (15h) e outra o domingo (17:30h). Para acceder o venres e o sábado será preciso ter a entrada a The Wild Fest, que pode comprarse na web do festival. O domingo a entrada é de balde a todas as actividades, incluído o cinema.

A escolma está formada por títulos españois e internacionais, seleccionados pola súa capacidade para facernos empatizar cos problemas derivados da intervención humana na natureza, plantexarnos as nosas accións diarias ou deixarnos coa boca aberta ante a pericia de certos deportistas de aventura ou a beleza do noso planeta.

Destaca o documental Eating our way to extintion, peza gañadora do festival Suncine de Barcelona en 2021 que aínda non foi proxectada en Galicia. Producida e narrada por Kate Winslet, esta película leva ao público a unha viaxe cinematográfica arredor do mundo, desde as profundidades das selvas amazónicas ata as montañas de Taiwan, o
deserto de Mongolia, ou as costas escocesas, contando a historia do noso planeta a través de testemuños impactantes, relatos conmovedores dos pobos máis afectados pola industria da alimentación, figuras de renome mundial e científicos destacados. Será proxectada na sesión do sábado a mediodía.

Tamén poderemos ver Stolen Fish, un poderoso documental sobre a explotación da costa de Gambia por parte das fábricas chinesas de fariña de peixe, poñendo en perigo a principal fonte de riqueza e alimentación do país máis pequeno de África. Unha curta dirixida pola polaca Malgorzata Juszczak e tamén premiada en Suncine, así como
Sheffield International Documentary Festival, en Reino Unido ou Tallinn Black Nights Film Festival.


Ofelia de Pablo e Javier Zurita codirixen dúas das curtas que serán proxectadas: Doñana´s Beating Heart e Sharing the Land. Doñana´s Beating Heart afonda na delicada situación do lince ibérico no maior humedal de España coa apertura do parque nacional a cazadores, agricultores e moreas de turistas. A historia está contada polas persoas activistas que denuncian a situación e traballan para evitar que Doñana
entre na lista de Patrimonio mundial en perigo da UNESCO. Sharing the Land aborda a delicada situación do lobo ibérico e a, ás veces non moi harmoniosa, convivencia da especie cos pastores e o gando. Foi galardoada no Wildscreen Festival de Reino Unido.

Todo os filmes proxectados en The Wild Cinema serán estreas en Galicia e amosan o compromiso do certame por exhibir traballos audiovisuais dirixidos por mulleres ou nos que elas son as protagonistas.
Entradas
As entradas están á venda a través da billeteira Vivetix con opción á compra por días ou abono completo. En todos os casos hai posibilidade de acampar por un pequeno suplemento. A entrada o domingo é gratuíta ata completar o aforo do recinto. Os nenos ata 14 anos non pagan entrada.