.- The Wild Fest anuncia o seu cartel musical completo coa incorporación de sete bandas galegas: Wöyza & The Galician Messengers, Boyanka Kostova, Músculo!, Wondercovers e Blues do País e Sindicato da Verbena, para adultos. Peter Punk e Brais das Hortas e Cé Orquestra Pantasma, para público infantil.
.- Os abonos xa están á venda na plataforma Vivetixcon posibilidade de mercar entradas por días e opción con acampada.
.- The Wild Fest celébrase entre o 8 e o 10 de xullo no Parque Forestal de San Miguel de Oia (Vigo)
06.04.2022 |O festival multidisciplinar The Wild anuncia o seu cartel completo que, un ano máis, combina bandas relevantes a nivel nacional con forte presenza de artistas galegos que se darán cita no Parque Forestal de San Miguel de Oia do venres 8 ao domingo 10 de xullo. Xa estaba anunciada a presenza de Aurora & The Betrayers, Corizonas, Aphonnic, Moonshine Wagon e A Roda.
A eles súmanse Wöyza and the Galician Messegers, que fusionan con orixinalidade o soul e o hip-hop con repertorio tradicional galego; Boyanka Kostova, o dúo de trap con máis retranca, formado por Saibran Yiyi e o Chicho do Funk; e Músculo!, reis da electrónica galega e gañadores dos premios Martín Códax nesta categoría. Os tres actuarán na noite do venres.
O vermú do sábado estará amenizado por A Roda, a banda de música tradicional fundada en Teis en 1976 e pola noite será o turno do grupo de versións de coñecidos temas dos 70, 80 e 90, Wondercovers; seguidos pola madrileña Aurora & the Betrayers, o toque bluegrass dos Moonshine Wagon, o indie rock dos Corizonas e a potencia metaleira dos vigueses Aphonnic.
O domingo poderemos desfrutar en sesión vermú do dúo Blues do País acompañado pola banda Sindicato da Verbena, que nos farán bailar coa súa retranqueira mestura de cantigas galegas levadas ao terreo do blues e o R&B.
O ambiente familiar en The Wild Fest é un dos aspectos máis coidados pola organización do festival e nunca faltan as actuacións dirixidas a público infantil. Este ano, os encargados de facer rir á rapazada serán Peter Punk e Brais das Hortas o sábado, un dúo irreverente que combina circo e música con grandes doses de comedia; e Cé Orquestra Pantasma, o domingo, unha orquestra completa interpretada por un só home, César Freiría. Tamén o domingo haberá unha sesión de contacontos con Miguel Anxo Alonso Diz, escritor de literatura infantil que acaba de publicar O país da choiva.
Como nas edicións anteriores, a proposta multidisciplinar de The Wild Fest incluirá proxeccións de cinema medioambiental, faladoiros, zona gastro, zona de mercadiño e encontros con artesáns. Outro dos piares importantes de The Wild Fest desde os seus inicios é animar á cidadanía a desfrutar da natureza de xeito activo, mediante a organización dunha andaina, unha actividade de orientación e a carreira de obstáculos Xacobeo Wild Race, que este ano terá lugar o domingo anterior, 3 de xullo coa novidade dunha categoría específica para nenos, a Pequerace.
Entradas
As entradas están á venda a través da billeteira Vivetix con opción á compra por días ou abono completo. En todos os casos hai posibilidade de acampar por un pequeno suplemento. A entrada o domingo é gratuíta ata completar o aforo do recinto.
A inscrición na carreira de obstáculos pode realizarse a través da plataforma CCNorte.
THE WILD FEST
The Wild naceu en 2019 co obxectivo de poñer en valor o noso patrimonio natural, o coidado dos nosos montes e o respecto polo medio ambiente a través da programación de actividades deportivas e culturais no entorno natural do Parque Forestal de San Miguel de Oia.
Na vindeira edición, The Wild, que se celebrará entre o 3 e o 10 de xullo de 2022, buscará destacar como o festival multidisciplinar e medioambiental de referencia na comarca de Vigo polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.