Categorías
THE WILD NEWS

SÉS e Biznaga únense ao cartel de The Wild Fest 

SÉS, Biznaga e Ángel Stanich actuarán no parque forestal de San Miguel de Oia o 24 de xuño
As entradas están á venda a prezo de lanzamento ata o 31 de marzo

15.03.2022. A galega SÉS e os madrileños Biznaga únense ao cartel do The Wild Fest que xa contaba coa presenza de Ángel Stanich. Con estas dúas incorporacións anuncianse os tres cabezas de cartel desta edición, na que tamén haberá sesións vermú, a final do concurso Salvaxesons e actuacións para público familiar.

O festival celébrase no Parque Forestal de San Miguel de Oia os días 23, 24 e 25 de xuño, un espazo natural con merendeiro, bosque autóctono e miradoiros á ría e as Illas Cés. Ademais da posibilidade de desfrutar de música e cultura na natureza o entorno propicia a realización de actividades como Orientaventura, actividade de orientación por equipos que cada ano enche as súas prazas; e Canicross, carreira na que os participantes van acompañados do seu can.

As entradas están á venda na web thewildfest.com a prezo reducido ata o 31 de marzo. Só será de pago o sábado 24, xornada na que se celebrarán os concertos de SÉS, Ángel Stanich e Biznaga, entre outros. A entrada do venres e domingo é de balde.  O certame ofrece a posibilidade de pernoctar nun camping acondicionado para a ocasión no que tamén hai cabida para furgonetas e autocaravanas.

SÉS e Biznaga actuarán o sábado 

A cantautora SÉS é a aposta galega para a quinta edición do The Wild Fest. Coñecida polo seu arrasador talante sobre os escenarios e a forza da súas letras. Sés mestura música tradicional con blues, rock & roll e canción de autor e os seus concertos están marcados pola súa personalidade carismática, honesta e combativa. No seu último disco Diante un eco, lanzado o pasado novembro, SÉS volve aos seus incios da súa carreira, pero desde a madurez e experiencia de quen ten oito discos publicados e quince anos de carreira musical.

Biznaga é unha das bandas máis eloxiadas do novo punk español. O grupo de malagueños afincados en Madrid fai temas de pop contundente e punk renovado que falan de temas actuais como a xentrificación, a vixilancia tecnolóxica ou a precariedade cun son moi guitarreiro. Co seu último disco, Bremen no existe, xiraron tanto por España como por Latinoamérica e Europa.

Entradas xa á venda

As entradas para o sábado (único día de pago) están desde hoxe á venda na plataforma Vivetix. As primeiras 400 venderanse a prezo especial de lanzamento de 15,00 €. As persoas que desexen durmir no cámping poderán reservar xa a súa praza por un suplemento de 5,00€. O acceso ao cámping estará aberto entre o venres 23 ás 15:00h e o luns 26 ás 12:00h.

Como novidade deste ano, e debido ao gran número de preguntas e suxerencias recibidas en anteriores edicións, este ano habilitarase un espazo para furgos e autocaravanas. A reserva nesta zona, con capacidade para 50 vehículos, ten un custe de 10,00 € por vehículo.