Categorías
THE WILD NEWS

The Wild Fest celebra cinco duelos de bandas galegas

Este sábado, 15 de abril en Cañaveral, comezan os duelos de Salvaxesons o concurso de bandas celebrado ao abeiro de The Wild Fest.

11.04.2022| O concurso de bandas Salvaxesons, organizado polo festival The Wild Fest, chega á súa segunda fase: os duelos de bandas, nos que dez grupos galegos enfrontaranse de dous en dous para pasar á seguinte fase. Os duelos son concertos abertos e gratuítos que se celebran Cañaveral (Porta do Sol, 6) os sábados 15, 22, 29 de abril, 13 e 27 de maio ás 21h. Os gañadores de cada duelo serán elixidos a través do voto do público e de dous membros do xurado presentes en cada batalla.

Os dez grupos que actuarán en Cañaveral foron seleccionados por un xurado profesional entre máis de 40 bandas presentadas e teñen estilos moi diferentes, desde o pop ao punk, pasando por todas as cores do rock, a americana e o soul. As bandas que competirán son The Broke, Carla Lourdes, The Riggos, Visions of Johanna, The Mob Swing, Sanny, Blue Merrow, Another Wasted Year, The Mirror e Mad Mission. Os duelos foron emparellados ao azar, mediante un sorteo que se retrasmitiu nas redes sociais do festival o pasado 17 de marzo.

As cinco bandas gañadoras dos duelos recibirán un abono para desfrutar dos tres días de The Wild Fest e pasarán á terceira e última fase de Salvaxesons: unha actuación no escenario principal de The Wild Fest o 23 de xuño onde o xurado decidirá aos tres gañadores. Os premios serán de 600€, 300€ e 100€.

O xurado está formado por catro profesionais da música galega desde diferentes ámbitos. Alberto Cunha, músico, imitador e humorista con 30 anos de experiencia sobre os escenarios; Patricia Hermida, mánager e produtora de artistas como Susana Seivane ou Heredeiros da Crus, fundadora da Asociación MIM e presidenta da Agem (Asociación Galega Empresas Musicais); Pablo Vázquez, xornalista cultural en A Movida e autor do libro Son da cidade, sobre a música viguesa no século XXI; e Rafa Valero, xornalista radiofónico, cofundador de CÍES podcast e corresponsal de Marca en Vigo.

Programa de duelos de Salvaxesons

Todos os concertos son ás 21h en Cañaveral 

Sábado 15 de abril  – The Broke vs. Carla Lourdes

Sábado 22 de abril  – The Riggos vs. Abrigo

Sábado 29 de abril – Sanny vs. The Mob Swing

Sábado 13 de maio – Blue Merrow vs. Another Wasted Year

Sábado 27 de maio – The Mirror vs. Mad Mission

THE WILD FEST 2023

A quinta edición do festival multidisciplinar The Wild Fest celébrase os días 23, 24 e 25 de xuño e este ano contará cos concertos de Ángel Satanich, Sés, Biznaga e Zeltia Irevire. Ademais haberá proxeccións de cinema, actividades infantís, zona gastro, mercadiño e propostas para coñecer a contorna.

O Parque Forestal de San Miguel de Oia volverá ser o escenario do The Wild Fest. Trátase dun espazo de merendeiro cun miradoiro privilexiado á ría de Vigo que é xa nun dos emblemas do festival, que ten como leimotiv facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.

O venres 23 e domingo 25 o acceso ao festival é gratuíto. Para o sábado é necesario adquirir unha entrada na web https://thewildfest.com/entradas/. Na mesma billeteira pode reservarse praza no camping, tanto para tendas, como para furgonetas e autocaravanas.