- O festival de música, cinema e deporte na natureza The Wild Fest celebra a súa sexta edición entre o 30 de agosto e o 1 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia.
- O concurso de bandas Salvaxesons busca impulsar a carreira de novos artistas musicais galegos. A convocatoria e as bases serán difundidas o vindeiro 9 de febreiro.
06.02.2023 O festival multidisciplinar The Wild volverá celebrarse este verán e anuncia as datas da súa sexta edición, en 2024, que ocupará a fin de semana do 30, 31 de agosto e o 1 de setembro. Como en edicións anteriores o festival programará concertos de bandas galegas e nacionais, proxeccións de cinema e actividades infantís, ademais de zona gastro, mercadiño e propostas para coñecer a contorna.
O Parque Forestal de San Miguel de Oia volverá ser o escenario do The Wild. Trátase dun espazo de merendeiro cun miradoiro privilexiado á ría de Vigo que é xa nun dos emblemas do festival, que ten como leimotiv facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.
A vindeira edición mantén a vontade das pasadas de englobar un gran número de actividades nunha soa cita e integralas no medio natural: concertos de folk e rock, The Wild Cinema, andaina, ximcana de orientación, obradoiros, mercadiño e espectáculos infantís.
O concurso de bandas Salvaxesons volta para descubrir e impulsar novos talentos da música galega. A competición terá cinco finalistas que poderán tocar o sábado 31 de agosto no escenario principal de The Wild. Ademais, os tres primeiros clasificados recibirán un premio en metálico.
Os gañadores escolleranse en tres fases. A primeira criba será realizada por un xurado a partir dos tres temas grabados que as bandas entreguen no momento de facer a inscrición. A segunda fase terá lugar durante o mes de abril nunha sala de concertos e realizarase en formato duelo por parellas das 10 bandas finalistas. A final será o propio concerto en The Wild Fest, onde se decidirá ao gañador en directo.
A convocatoria e as bases serán difundidas o vindeiro 9 de febreiro.