Categorías
THE WILD NEWS

The Wild Fest convoca o seu concurso de bandas SalvaxeSons II

  • O festival de música, cinema e deporte na natureza The Wild Fest, que celebrará a súa sexta edición entre o 30 de agosto e o 1 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia convoca o concurso de bandas SalvaxeSons. 
  • O prazo de candidaturas ábrese este 12 de febreiro e pecharase o 1 de abril.
  • A organización incrementa os premios en metálico ata os 1600€.

09.02.2024 O festival multidisciplinar The Wild, como en edicións anteriores, programará concertos de bandas galegas e nacionais, proxeccións de cinema medioambiental e  actividades infantís, ademais de zona gastro, mercadiño e propostas para coñecer a contorna.

O concurso de bandas SalvaxeSons II busca descubrir e impulsar novos talentos da música galega. A competición terá cinco finalistas que poderán tocar o sábado 31 de agosto no escenario principal de The Wild. Ademais, os tres primeiros clasificados recibirán un premio en metálico de 1000€, 400€ e 200€ respectivamente, e as dez bandas clasificados para os “duelos” terán acceso gratuíto a The Wild Fest durante toda a fin de semana. 

Os gañadores escolleranse en tres fases. A primeira criba será realizada por un xurado a partir dos tres temas gravados que as bandas entreguen no momento de facer a inscrición. A segunda fase terá lugar durante o mes de maio nunha sala de Vigo ou arredores e realizarase en formato duelo por parellas. A final será o propio concerto en The Wild Fest, onde se decidirá ao gañador en directo. 
Poden participar bandas e solistas de calquera estilo, coas únicas condicións de ter un membro galego e non ter máis de un disco editado. As inscricións poderán realizarse no email salvaxesons@thewildfest.com adxuntando información da banda e tres cancións. As bases poden consultarse aquí.