Categorías
THE WILD BLOG

O Cinema de Montaña, non tan ‘rara avis’

Juan de Castro | Xestor e programador do The Wild Fest

Como en toda especialidade, canto máis se afonda, máis grande é a nosa ignorancia do mesmo, e o caso do cinema de montaña é un fenómeno canto menos curioso polo número e o nivel dos festivais e das producións que podemos enfeixar neste eido.

A orixe desta temática cinematográfica vén reclamada sobre todo polos numerosos practicantes destas disciplinas deportivas, tan ligadas á introspección e á superación persoal como ao respecto polo planeta (e polas montañas).

Na península temos un festival moi destacado pola súa traxectoria e capacidade de convocatoria: o Bilbao Mendi Festival, que vén exhibindo os
mellores traballos do mundo de alpinismo, escalada, deportes extremos e
de temática medioambiental. É tamén un evento itinerante que adoita pasar polas nosas terras con notábel éxito.

Outro certame de calidade tremenda é o Festival de Cinema de Montanya de Torelló, con 39 edicións ás súas costas non acouga e cada ano exhibe filmes dunha beleza extrema.

Fotograma do documental Free Solo

Son decenas os certames a nivel mundial, todos decorridos acertadamente
en cidades e vilas montañosas. Destes destaco sen dúbida o canadense Banff Mountain Film. E máis que un festival, leva sendo o maior divulgador de contidos audiovisuais e gráficos para esquiadores, alpinistas e amantes do montañismo desde 1976.

Como recomendación cinematográfica cardíaca: Free Solo co inmenso escalador Alex Honnold, e para “descender” máis placidamente, a beleza dos cumes contada por Willem Dafoe en Mountain.

Algo único que transcende en case todos os filmes é que os protagonistas son dous: a montaña e o home. Isto é fascinante e o fundamento da paixón que xera. O público víveo sempre moi de preto porque son escaladores, esquiadores ou montañeiros que, sobre todo, aman a natureza e a presenza insuperábel e magnífica das montañas.

Artigo publicado no suplemento APRENDER de NÓS DIARIO (24/04/2021)