Categorías
THE WILD BLOG

O Cinema de Montaña, non tan ‘rara avis’

Juan de Castro | Xestor e programador do The Wild Fest

Como en toda especialidade, canto máis se afonda, máis grande é a nosa ignorancia do mesmo, e o caso do cinema de montaña é un fenómeno canto menos curioso polo número e o nivel dos festivais e das producións que podemos enfeixar neste eido.

A orixe desta temática cinematográfica vén reclamada sobre todo polos numerosos practicantes destas disciplinas deportivas, tan ligadas á introspección e á superación persoal como ao respecto polo planeta (e polas montañas).

Na península temos un festival moi destacado pola súa traxectoria e capacidade de convocatoria: o Bilbao Mendi Festival, que vén exhibindo os
mellores traballos do mundo de alpinismo, escalada, deportes extremos e
de temática medioambiental. É tamén un evento itinerante que adoita pasar polas nosas terras con notábel éxito.

Outro certame de calidade tremenda é o Festival de Cinema de Montanya de Torelló, con 39 edicións ás súas costas non acouga e cada ano exhibe filmes dunha beleza extrema.

Fotograma do documental Free Solo

Son decenas os certames a nivel mundial, todos decorridos acertadamente
en cidades e vilas montañosas. Destes destaco sen dúbida o canadense Banff Mountain Film. E máis que un festival, leva sendo o maior divulgador de contidos audiovisuais e gráficos para esquiadores, alpinistas e amantes do montañismo desde 1976.

Como recomendación cinematográfica cardíaca: Free Solo co inmenso escalador Alex Honnold, e para “descender” máis placidamente, a beleza dos cumes contada por Willem Dafoe en Mountain.

Algo único que transcende en case todos os filmes é que os protagonistas son dous: a montaña e o home. Isto é fascinante e o fundamento da paixón que xera. O público víveo sempre moi de preto porque son escaladores, esquiadores ou montañeiros que, sobre todo, aman a natureza e a presenza insuperábel e magnífica das montañas.

Artigo publicado no suplemento APRENDER de NÓS DIARIO (24/04/2021)

Categorías
THE WILD NEWS

Aberta a inscrición a The Wild Race

Celeste Conde | Responsable de Prensa de The Wild

O festival multidisciplinar The Wild abre as inscricións de The Wild Race, unha carreira OCR que terá lugar o 5 de setembro e que promete grandes doses de adrenalina e desafío nun entorno natural como é o Parque Forestal de San Miguel de Oia.

Ademais, cun percorrido de 8 quilómetros e máis de 35 obstáculos, incluiranse elementos adaptados doutras disciplinas como CrossTraining, PaleoTraining ou Strogman. Sen dúbida, unha actividade na natureza que estará chea de emoción, aventura e moita diversión.

Miriam Gesteiro, coordinadora de The Wild Race afirma que “a carreira combina a perfección natureza e exercicio físico. Por iso será unha gran experiencia para todos os participantes, que deberán loitar para superar os obstáculos e a si mesmos a través dunha boa preparación mental, unha correcta xestión da presión e un adecuado control da enerxía”.

Deste xeito, The Wild Race é unha carreira deportiva, lúdica e integradora que supón un verdadeiro reto para os atletas, que deberán aproveitar os recursos que lles proporciona o medio natural ao mesmo tempo que crean sinerxías para superar con éxito cada obstáculo.

Compre destacar que, por mor do coronavirus, levarase a cabo un rigoroso protocolo co fin de garantir a seguridade e o benestar tanto dos participantes coma do público e o staff e estará en consonancia coa lexislación vixente e as recomendacións das autoridades locais e autonómicas. Así, entre outros, haberá un único sentido de circulación, as zonas estarán diferenciadas e delimitadas e será obrigatorio levar máscara antes de comezar a proba.

Por suposto, esta actividade enmárcase dentro do festival, que se celebrará do 4 e 5 de setembro no merendeiro de San Miguel de Oia e no que se poderá gozar de concertos, xogos para os máis cativos, faladoiros ou diversos eventos coma a andaina solidaria.

AS MODALIDADES DE PARTICIPACIÓN EN THE WILD RACE

En The Wild Race poderase competir en dúas modalidades diferenciadas: Wolf e Raven:
– A modalidade Wolf é unha carreira por equipos de catro persoas, polo que a cooperación, a táctica e o traballo de todos os integrantes será fundamental para chegar con éxito á meta.
– A modalidade Raven é unha carreira individual. Sen embargo, os participantes poderán decidirse pola categoría Élite, onde non poderán recibir axuda doutros participantes para superar as probas, ou Popular, que si permite recibir axuda externa.

OS PREZOS E A INSCRICIÓN

Todos os participantes que teñan 16 anos ou máis pódense apuntar á carreira a través da web de The Wild, onde tamén están as bases completas, ou na páxina Champion Chip Norte.
Doutra banda, o prazo de inscrición remata o 29 de agosto e os prezos variarán entre os 15 e os 30 euros en función da data de inscrición.
Neste sentido, tamén existe a posibilidade de adquirir o Bono The Wild por 10 euros máis que inclúe a participación na carreira e a entrada ao festival, que terá lugar o 4 e 5 de setembro no merendeiro de San Miguel de Oia.

Consulta aquí máis información e bases do desafío.

Categorías
THE WILD BLOG

Documentais de natureza a non perder a golpe dun par de ‘clics’

Os mergullos do Capitán Cousteau, os lobos de Félix Rodríguez de la Fuente ou Sir David Attenborough percorrendo e amosándonos o planeta enteiro.

Por Juan de Castro Programador do ‘The Wild Cinema’

Seguro que algunhas das túas primeiras imaxes inesquecíbeis do mundo natural e da biodiversidade foron da man dalgúns destes pioneiros dos documentais.

A divulgación científica e da natureza sempre avanzou grazas a colosos como eles, que entraron nos nosos fogares pola segunda canle do noso vello televisor. Aínda agora, esta canle de televisión pública estatal segue a ser o buque insignia da difusión dos grandes documentais internacionais.

Antigamente só National Geographic, a BBC ou algunhas produtoras europeas sacaban adiante a produción e distribución destes filmes de natureza. Agora son moitos máis os que teñen a capacidade de producir e difundir estes contidos; empresas de roupa deportiva e de aventura como Patagonia ou de bebidas como Red Bull son xa grandes produtoras de documentais, podedes consultar nas súas webs numerosos contidos moi orixinais.

Nas plataformas de filmes a demanda ou tamén no universal YouTube existe moitísimo material de gran calidade á vosa disposición.

En YouTube, tendes de balde a serie de documentais Human, un intenso retrato da humanidade, ou a magnífica e imperdíbel Baraka. As mesmas canles en YouTube de National Geographic e de BBC Earth teñen múltiples e magníficos filmes que merecen un visionado.

Fotograma do documental Baraka

Os abonados a Netflix podedes aproveitar para ver Our Planet do mítico Attenborough, narrado aquí por Penélope Cruz. Destaca tamén no plano máis activista o filme Ivory Game. Na canle Discovery Chanel podedes visionar a suxerente miniserie Planet Earth I e II.

Para os que teñades a estupenda plataforma Filmin recoméndovos a galega Tempo, de Manuel Valcárcel, a serie Human Planet, xa antiga mais merece un visionado. E un sinfín de pezas máis. Por citar algunhas: Nanook, el esquimal, Happy People: Un año en la Taiga, El viaje de Jane…

Artigo publicado no suplemento APRENDER de NÓS DIARIO (2/10/2020)

Categorías
THE WILD NEWS

COMUNICADO OFICIAL THE WILD RACE

Dende a Organización queremos informar da difícil decisión que nos vimos abocados a tomar ante a actual situación xerada polo COVID-19, e que deriva na CANCELACIÓN de THE WILD RACE 2020.

Pese a implementación dun riguroso protocolo por parte da Organización para levar a cabo esta edición coa máxima seguridade para os competidores, público e xuices, e ainda coa súa aprobación por parte das Administracións Competentes, THE WILD RACE considera que, ante a situación agravada dos últimos días, a saúde e o benestar de todos é prioritario, polo que creemos que o máis reponsable é a ANULACIÓN desta proba deportiva.

THE WILD RACE realizará a devolución íntegra da inscripción a todos os competidores rexistrados, e efectuarase automáticamente sen necesidade de ningún trámite adicional.

Queremos aproveitar para mostrar o noso meirande agradecemento a todos os que facedes posible este evento: competidores, patrocinadores, institucións, colaboradores e voluntarios. O equipo de THE WILD RACE continúa traballando con toda ilusión e dedicación na Edición 2021.

Vemonos no THE WILD.

Permanecede Salvaxes!