Categorías
THE WILD NEWS

O festival The Wild lanza o cartel da súa terceira edición

Celeste Conde | Responsable de Prensa de The Wild

| A concelleira de medio ambiente, Nuria Rodríguez, e a organización de The Wild Fest presentan o cartel do certame e anuncian as novidades principais do evento.
| A completa e esixente carreira de obstáculos The Wild Race, na que aínda hai tempo para inscribirse, e a andaina solidaria mantéñense dentro das actividades previstas neste terceiro ano.
| As 800 entradas xa están á venda na web de The Wild e pódense conseguir dende os 15 euros e ata o 29 de agosto. O domingo a entrada é de balde, aínda que haberá control de aforo.

O festival multidisciplinar The Wild, que terá lugar o 4 e 5 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia, en Vigo, comeza os preparativos para levar a cabo a súa terceira edición logo do éxito das anteriores. Por iso, a organización do certame xunto coa concelleira de medio ambiente Nuria Rodríguez, presentaron hoxe o cartel no Concello de Vigo.

Neste sentido, Nuria Rodríguez, concelleira de medio ambiente, quixo mostrar o seu apoio, un ano máis, ao festival e aproveitou a ocasión para “animar a todos os cidadáns de Vigo a subir eses días de setembro porque merece a pena, sobre todo ás familias”. Así mesmo, quixo trasladar a súa gratitude por “contar co concello e cos montes de Vigo, xa que é un evento que se realiza en San Miguel de Oia”.

Por suposto, a organización do certame agradeceu o apoio do concello, que leva apostando polo festival dende os seus inicios. De feito, Juan Pablo Pérez, coordinador de The Wild anima “a todos a vir e ao señor alcalde tamén porque estou seguro que nuns anos falarase de The Wild en Nova York e en París”.

Se hai uns días The Wild Fest anunciaba os 7 concertos, dende Los Zigarros, Familia Caamagno e Stoned at Pompeii, ata The Blind Crows, Susana Seivane Trío, Enxeito e Zeltia Irevire, nesta ocasión Juan de Castro, xestor cultural do evento, daba a coñecer algunhas das principais actividades que se desenrolarán.

Así, volve a andaina solidaria. Esta camiñada de 6 km, guiada pola Comunidade de Montes de San Miguel de Oia, levará aos asistentes polos puntos máis emblemáticos do parque como a zona de petróglifos ou os miradoiros, onde se poderá gozar coas mellores vistas da Ría de Vigo e as Illas Cíes.

Ademais, compre destacar que parte dos fondos recadados será doado a Asociación Bicos de Papel, a cal dedica os seus esforzos a acompañar e apoiar aos nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e as súas familias.

Doutra banda, tampouco pode faltar The Wild Race, OCR de 8 quilómetros e máis de 35 obstáculos que incluirá elementos adaptados doutras disciplinas como CrossTraining, Strogman ou PaleoTraining. “O ano pasado non se puido celebrar, pero nesta ocasión intentaremos que sexa mellor, máis completa e para os deportistas un reto maior “explica
de Castro.

Entre as actividades, destaca igualmente o cinema medioambiental, proxectándose durante dúas xornadas unha coidada selección de filmes cun protagonista principal: a natureza. Ademais, tamén haberá oco para os eventos infantís xa que “o público do noso festival son tanto mozos e mozas que van aos concertos ata as últimas horas como as familias”, asegura Juan de Castro.

En definitiva, The Wild é un festival que xunta nun mesmo lugar actividades tan diversas como concertos, faladoiros, xogos para os máis cativos, cinema, sendeirismo ou competicións deportivas baixo unha premisa común: gozar da natureza dende o respecto e a responsabilidade.

Merca a túa entrada

Categorías
THE WILD NEWS

Thee Blind Crows, Stoned at Pompeii e Susana Seivane Trío, primeiros concertos confirmados en The Wild Fest

Celeste Conde | Responsable de Prensa de The Wild

The Wild, festival multidisciplinar que terá lugar o 4 e 5 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia, confirma os primeiros artistas que se subirán aos escenarios na súa nova edición: o trío pontevedrés Thee Blind Crows, os vigueses Stoned at Pompeii e Susana Seivane Trío.

Nesta terceira edición, a música do país terá unha gran presenza. Así, poderase gozar do folk, pero tamén do blues punk da man de Thee Blind Crows e do rock con selo vigués de Stoned at Pompeii.

“O cartel desta terceira edición é moi potente e aínda quedan máis grupos que confirmaremos en breves, pero podemos adiantar que tamén haberá espazo para artistas nacionais de gran envergadura”, afirma Juan de Castro, xestor cultural de The Wild. Ademais, engade que “este ano quixemos apostar mais que nunca pola música, un dos grandes prexudicados da pandemia”.

Deste xeito, The Wild Fest fai unha aposta por distintos estilos musicais e por facer un percorrido pola escena máis actual do panorama galego e nacional para ofrecer unha noite chea de música e máis unha sesión vermú.

A parte máis musical do The Wild arrinca o día 4 ao mediodía coa actuación de Susana Seivane Trío, a formación dunha das artistas de maior percorrido e traxectoria e que máis revitalizou o folk galego. Thee Blind Crows, pola súa conta, tocarán ese mesmo día pola tarde para encher o parque forestal coa enerxía e a forza do seu guitarreo blues punk. Pola noite será a quenda de Stoned at Pompeii cun directo abraiante cun estilo de carácter stoner rock que lles valeu o galardón de “Mellor Directo” nos premios Maketón Los 40 no 2020.

Por suposto, o festival, un dos poucos que conseguiu saír adiante o ano pasado, continuará cuns estritos protocolos de seguridade co obxectivo de crear un espazo seguro. Máscaras, aforo limitado ou sentidos únicos de circulación son algunhas das medidas previstas para o certame, que completará a súa programación con actividades para toda a familia, desde unha andaina solidaria ata The Wild Race, unha apaixonante carreira de obstáculos, así coma faladoiros ou todo tipo de eventos infantís.

Máis información e venda de entradas proximamente na web thewildfest.com