Categorías
THE WILD NEWS

O festival The Wild lanza o cartel da súa terceira edición

Celeste Conde | Responsable de Prensa de The Wild

| A concelleira de medio ambiente, Nuria Rodríguez, e a organización de The Wild Fest presentan o cartel do certame e anuncian as novidades principais do evento.
| A completa e esixente carreira de obstáculos The Wild Race, na que aínda hai tempo para inscribirse, e a andaina solidaria mantéñense dentro das actividades previstas neste terceiro ano.
| As 800 entradas xa están á venda na web de The Wild e pódense conseguir dende os 15 euros e ata o 29 de agosto. O domingo a entrada é de balde, aínda que haberá control de aforo.

O festival multidisciplinar The Wild, que terá lugar o 4 e 5 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia, en Vigo, comeza os preparativos para levar a cabo a súa terceira edición logo do éxito das anteriores. Por iso, a organización do certame xunto coa concelleira de medio ambiente Nuria Rodríguez, presentaron hoxe o cartel no Concello de Vigo.

Neste sentido, Nuria Rodríguez, concelleira de medio ambiente, quixo mostrar o seu apoio, un ano máis, ao festival e aproveitou a ocasión para “animar a todos os cidadáns de Vigo a subir eses días de setembro porque merece a pena, sobre todo ás familias”. Así mesmo, quixo trasladar a súa gratitude por “contar co concello e cos montes de Vigo, xa que é un evento que se realiza en San Miguel de Oia”.

Por suposto, a organización do certame agradeceu o apoio do concello, que leva apostando polo festival dende os seus inicios. De feito, Juan Pablo Pérez, coordinador de The Wild anima “a todos a vir e ao señor alcalde tamén porque estou seguro que nuns anos falarase de The Wild en Nova York e en París”.

Se hai uns días The Wild Fest anunciaba os 7 concertos, dende Los Zigarros, Familia Caamagno e Stoned at Pompeii, ata The Blind Crows, Susana Seivane Trío, Enxeito e Zeltia Irevire, nesta ocasión Juan de Castro, xestor cultural do evento, daba a coñecer algunhas das principais actividades que se desenrolarán.

Así, volve a andaina solidaria. Esta camiñada de 6 km, guiada pola Comunidade de Montes de San Miguel de Oia, levará aos asistentes polos puntos máis emblemáticos do parque como a zona de petróglifos ou os miradoiros, onde se poderá gozar coas mellores vistas da Ría de Vigo e as Illas Cíes.

Ademais, compre destacar que parte dos fondos recadados será doado a Asociación Bicos de Papel, a cal dedica os seus esforzos a acompañar e apoiar aos nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e as súas familias.

Doutra banda, tampouco pode faltar The Wild Race, OCR de 8 quilómetros e máis de 35 obstáculos que incluirá elementos adaptados doutras disciplinas como CrossTraining, Strogman ou PaleoTraining. “O ano pasado non se puido celebrar, pero nesta ocasión intentaremos que sexa mellor, máis completa e para os deportistas un reto maior “explica
de Castro.

Entre as actividades, destaca igualmente o cinema medioambiental, proxectándose durante dúas xornadas unha coidada selección de filmes cun protagonista principal: a natureza. Ademais, tamén haberá oco para os eventos infantís xa que “o público do noso festival son tanto mozos e mozas que van aos concertos ata as últimas horas como as familias”, asegura Juan de Castro.

En definitiva, The Wild é un festival que xunta nun mesmo lugar actividades tan diversas como concertos, faladoiros, xogos para os máis cativos, cinema, sendeirismo ou competicións deportivas baixo unha premisa común: gozar da natureza dende o respecto e a responsabilidade.

Merca a túa entrada

Categorías
THE WILD BLOG

Educar as pequenas no coidado da Terra

Nestes tempos de confinamento e televisión, aproveitemos para revisar coas futuras habitantes da Terra pezas audiovisuais que lles transmitan realidade e esperanza. Promovamos tamén unha mirada crítica fronte ao consumismo irracional

Juan de Castro, Xestor e programador do The Wild Fest

Para comezar forte propoño unha viaxe máxica co filme brasileiro O menino e o mundo, de Alê Abreu. Cun estilo sinxelo e cunha creatividade desbordante, cóntanos a través dos ollos dun neno o descubrimento dun mundo hostil e complexo. Unha marabilla da animación infantil, cun ritmo quedo e silente, que fará tamén acougar os actuais cardíacos cativos.

Non poderían faltar nesta listaxe calquera título do Studio Ghibli, con Hayao Miyazaki á cabeza. Ben a entrañábel O meu veciño Totoro, ben a aventura total de A princesa Mononoke, poden ser un bo arranque para que
nenos e nenas tomen conciencia e partido na defensa da natureza, xa que focalizan nos cativos a acción, empoderándoos nesta tarefa.

Aínda que resulte tópico, sempre lembrarei o filme Cairo Branco como
un certeiro exemplo para entender a parte máis salvaxe da natureza e da fauna. A historia do gran Jack London pode causar unha gran pegada para os desnortados púberes, transmitíndolles esa igualdade entre todos os seres
que poboamos o planeta.

Fotograma do Filme Cairo Branco (1991)

Pouco coñecido e moi conmovedor é o filme Efraín de Yared Zeleke. Cóntanos a historia dun neno etíope que descobre unha nova relación coa natureza e cos animais. Ideal tamén para viaxar a outras realidades xeográficas. Para que os cativos entendan o que pode supor o derretemento dos polos, nada mellor que as imaxes do explorador Robert J. Flaherty en Nanook, o esquimó, filme que aló por 1922 amosaba a insólita vida cotiá dunha familia Inuit.

E remato cunha cinta ben recente e localizada no noroeste ibérico, Entre pastores e lobos, gañadora de dous premios no último Suncine, precioso e máxico relato da necesaria simbiose entre humanos e animais.

Artigo publicado no suplemento APRENDER de NÓS DIARIO (5/1/2021)