Juan de Castro | Xestor e programador do The Wild Fest
A potencia deste filme do gran Wim Wenders resulta conmovedora ata o extremo. É difícil non estremecerse fronte ao tratamento das imaxes dun dos fotógrafos máis impresionantes e personais do século XX.
Lembro ben aínda as reportaxes de Sebatião Salgado que aparecían de cando en vez no Semanal de El País. Eu era ben cativo pero eses ollos dos míseros traballadores das minas de ouro non se me esquecerán xamais. A forza e textura do seu branco e negro metálico quedaron para sempre gravadas no meu imaxinario da crudeza desas vidas tan alonxadas das nosas.
O motivo de traervos esta película neste derradeiro artigo é o desexo de que sexa revisada como epílogo do que poderíamos valorar como o mellor e o peor da nosa tola presencia neste planeta que nos acolle, e que redunda na perenne mensaxe de coidado entre os seres humanos e o medio natural.
O filme de Win Wenders e Juliano Ribeiro Salgado, fillo de Sebastião, percorre a vida deste artista a través das súas viaxes e proxectos. Pola súa cámara pasaron as maiores desgracias humanas e medioambientais da época, imaxes desgarradoras ata o pranto, imaxes no que se perde, como lle pasou ao autor delas, a esperanza no ser humano e a súa inxustiza cega.
Certamente Wim Wenders pasa de soslaio pola moral dos terribeis retratos, e nárranos como Sebastião Salgado queda totalmente baleiro despois da observación e divulgación de tamañas miserias. O filme é o relato e a vida dun home honesto, que despois de retratar tanto horror e quedar destruido, é quen de construir unha esperanza, persoal e global.
Coido que é bo que de cando en vez revisemos este filme. O poder da imaxe é inmenso en mans de xenios coma Sebastião, cando as palabras non son dabondo, cando os nosos ollos nunca estarán nese lugar, eses lugares e eses seres humanos recuperan a súa dignidade e tórnanse eternos.
I A concelleira de medio ambiente, Nuria Rodríguez, e a organización de The Wild presentan o cartel do certame e anuncian as novidades principais do evento.
I Arizona Baby, Terbutalina, Escuchando Elefantes e The Broke son algúns dos grupos que pasarán polo escenario do festival multidisciplinar e sostible The Wild entre o 5 e o 6 de setembro.
I A completa e esixente carreira de obstáculos The Wild Race e a andaina solidaria mantéñense dentro das actividades previstas neste segundo ano.
Queda pouco máis dun mes para que comece a nova edición de The Wild, que se celebrará o 5 e 6 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Un festival que xunta nun mesmo lugar actividades tan diversas como concertos, faladoiros, xogos para os máis cativos, cinema, sendeirismo ou competicións deportivas baixo unha premisa común: gozar da natureza dende o respecto e a responsabilidade.
Juan Pablo Pérez e Óscar Gallego, do equipo de dirección de The Wild, Juan de Castro, xestor do festival, Nuria Rodríguez, concelleira de Medio Ambiente de Vigo e Manuel Giráldez, presidente da Comunidade de Montes San Miguel de Oia presentaron este xoves o cartel do evento, que desvela os grupos de música que pasarán polos escenarios do certame e as actividades paralelas na súa segunda edición.
O equipo do evento amosou o agradecemento tanto ao Concello de Vigo como a Comunidade de Montes de San Miguel de Oia por axudar dende o primeiro momento ao desenrolo do festival, sobre todo nesta época de incerteza por mor da Covid-19. De feito, o Concello de Vigo non só deu o seu apoio ao festival dende a súa primeira edición, senón que tamén estivo presente durante o desenvolvemento do protocolo para reforzar as medidas de control co fin de evitar contaxios e converterse nun espazo seguro. Así, Nuria Rodríguez sinala que dende o Concello están “encantados de participar e axudar neste festival medioambiental que xa o ano pasado foi todo un éxito” e animan a todos a asistir.
Neste sentido, os asistentes poderán gozar dun total de sete concertos, dende o grupo country Arizona Baby ata os galegos Terbutalina, que mesturan rock de garaxe e punk, pasando polo dúo (tamén galego) de folk-rock Escuchando Elefantes.
Ademais, completan o cartel The Broke, rock con influencias de funky, punk e hard rock; Blues do País, unha máxica mestura de clásicos do blues reinterpretados no noso idioma que non deixará indiferente a ninguén, a banda indie EX Hedera e Cé Orquestra Pantasma, quen fará as delicias dos máis cativos.
Doutra banda, tampouco pode faltar The Wild Race, prevista para o 6 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia. “Será unha carreira de 10 quilómetros con máis de 35 obstáculos pensada para facer de xeito individual ou por equipos dun máximo de 4 persoas” explica Óscar Gallego. Tamén volverá a andaina solidaria, nesta ocasión destinando os fondos recadados afundación Fran Gil que loita contra a leucemia.
Por suposto, este ano, marcado pola crise sanitaria provocada polo coronavirus, o evento reestruturará as súas actividades e seguirá unhas estritas medidas de seguridade apoiadas polo Concello de Vigo que inclúen, entre outros, redución do aforo en máis dun 90%, controis de temperatura no acceso ao festival, obrigatoriedade de levar mascarilla en desprazamentos ou para adquirir calquera produto, dispensadores de xel hidroalcohólico, espazos separados, circulación en sentido único ou unha zona de emerxencias médicas. Ademais, os concertos terán cadeiras e alpacas de palla para que os asistentes gocen do evento mantendo as seguridades de distancia.
Todo, co obxectivo de facer o festival nun entorno seguro tanto para asistentes como para artistas e traballadores.
THE WILD FEST
Na súa primeira edición, que tivo lugar do 28 ao 30 de xuño en San Miguel de Oia, acudiron máis dun millar de persoas co fin de participar na andaina solidaria, coñecer de primeira man empresas galegas sostibles, gozar de boa música ou emocionarse co cine de natureza. Por suposto, os máis cativos tamén tiveron a ocasión de pasar un moi bo rato mentres aprendían o importante que é coidar o medio ambiente.
Na vindeira edición, The Wild, que se celebrará o 5 e 6 de setembro, buscará asentarse como un festival multidisciplinar e sostible de referencia na comarca de Vigo polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.