Categorías
THE WILD NEWS

Desfruta do The Wild Fest en familia

O festival de cultura na natureza contará coas actuacións de Peter Punk, Magia en la manga e os títeres de Tarabelos, así como un obradoiro de pintura e un taller de merendas saudables.

The Wild Fest celebrará unha terceira edición do festival multidisciplinar no Parque Forestal de San Miguel de Oia os días 3, 4 e 5 de setembro. As entradas para o sábado están á venda na web de The Wild. O domingo a entrada é de balde con control de aforo.

O festival multidisciplinar The Wild, que terá lugar o 3, 4 e 5 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia en Vigo, continúa a desvelar o seu programa de actividades lúdicas, deportivas e de concienciación dirixidas a todos os integrantes da familia.

Un dos obxectivos do festival é que toda a familia poida gozar da cultura nun enclave natural, por iso The Wild organiza tres actuacións e tres obradoiros pensados especialmente para o desfrute da cativada. Así mesmo os nenos poderán participar de moitas das actividades do festival, pensadas para público de todas as idades, como as sesións vermú con Susana Seivane e Enxeito, a andaina, a proba de orientación Orientaventura, a zona gastro ou a de artesanía. Ademais, os menores de 14 anos poderán acceder ao festival sen pagar entrada.

Espectáculos e obradoiros infantís

Na xornada do sábado a programación infantil comezará ás 15h coa función Sabela e o paxaro máxico, da compañía de títeres Tarabelos. Un espectáculo de fantoches de luva e varas protagonizada por Sabela, un paxariño, un ogro e un mago, creado e interpretado por Esteban Acuña, quen tamén fabrica os monicreques de xeito artesanal. Tamén o sábado ás 18h o paiaso Peter Punk fará gala do seu humor traste e irreverente co espectáculo Chungo que te cagas, que fará as delicias do público amosando a súa destreza (ou non) con todo tipo de elementos que irán saíndo da súa maleta.

Xa o domingo, Óscar Fernández, de Magia en la Manga, traeranos o espectáculo Maxia sen desperdicio unha sorprendente actuación na que, a través da imaxinación e con obxectos cotiáns, porá de manifesto que o coidado do medio ambiente está ao alcance de todos nós.

En canto aos obradoiros, a partir das 12:30h do sábado os pequenos poderán amosar a súa pericia gabeando nun búlder preparado polos compañeiros de Mapache Climbing. O segundo obradoiro comezará o sábado ás 12:·30, facilitado polo equipo de nutricionistas de Eatlike que guiará unha sesión de Merendas divertidas tras a escola, un obradoiro práctico no que os nenos aprenderán a facer unha a merenda rica e divertida fuxindo dos produtos ultraprocesados. Xa pola tarde, Sara Iglesias, licenciada en Belas Artes, ofrecerá un taller de pintura e debuxo para todas as idades que terá lugar o sábado a partir das 16h e o domingo desde as 15h.

Andaina solidaria

Volve a andaina solidaria, unha actividade apta para todas as idades e condicións físicas que consiste nunha camiñada de 6 km, guiada pola Comunidade de Montes de San Miguel de Oia durante a cal se levará aos asistentes polos puntos máis emblemáticos do parque, como a zona de petróglifos ou os miradoiros. Tamén se amosará a flora e a fauna da zona.

Cómpre destacar que parte dos fondos recadados será doada á Asociación Bicos de Papel, a cal dedica os seus esforzos a acompañar e apoiar a nenos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e as súas familias.

Actividade terá lugar o sábado a partir das 10:30 da mañá e as entradas poden adquirirse na web do festival, tanto soltas como en conxunto coa entrada de sábado ao festival. De novo, os menores de 14 anos non pagarán entrada.

Orientaventura

Unha competición de aventura por equipos, accesible a todos os públicos e que combina orientación con mapa, divertidas probas físicas e de coñecemento.

Para esta actividade é preciso mercar unha entrada.

Entradas

Para os espectáculos e obradoiros infantís non é necesario mercar unha entrada específica. Para aqueles que se desenvolvan durante o sábado será preciso contar coa entrada xeral do festival. O domingo o acceso será de balde, aínda que haberá control de aforo.

As entradas para o sábado, xa están a venda na web do festival . O festival lanzou as primeiras 800 por un prezo promocional de 15€, dispoñibles ata o 29 de agosto. A partir do día 30 o prezo será de 18€. Os menores de 14 anos non pagan entrada.