Categorías
THE WILD BLOG

Plásticos, un uso breve e unha longa pegada

O desaforado emprego dos plásticos na nosa vida é un deses absurdos que o ser humano practica na súa galopada consumista. Podendo ser estes de moitas composicións diferentes, tardan entre cen e mil anos en descomporse. Digamos que son eternos.

Juan de Castro Xestor e programador do The Wild Fest

A nosa relación cos derivados do petróleo naceu coa revolución industrial e da man da sofisticación do mercado e da demanda sen límite o seu uso non deixou de medrar e normalizarse. Mercamos unha mazá e levámola á casa nunha bolsa plástica cunha vida útil de 30 minutos e que permanecerá entre nós por séculos… xerando problemas para todo o noso ecosistema. Se nos paramos a pensalo un intre é terrorífico. De feito, os vasos de plástico tardan máis de mil anos e non se degradan totalmente senón que quedan reducidos a micro moléculas sintéticas que aínda que non se ven permanecen presentes. Pénseno ben cando pidan unha cervexa.

Un dos ecosistemas máis afectados é o mundo mariño debido, entre outras cousas, pola similitude entre as partículas de plástico e o zooplancton mariño. Os centos de especies que consomen estes lixos enferman, mutan ou morren. Tamén van ao noso prato pasando pois a formar parte do noso organismo. Un auténtico delirio.

Un bo xeito de adecuar o seu uso e tomar conciencia da magnitude do problema que legamos aos nosos descendentes pode ser o visionado de filmes como, A Plastic Ocean de Craig Leeson, impactante e desolador sen ambaxes, ás veces necesario para espertar e mudar a nosa mentalidade. Tédelo dispoñíbel en Netflix.

Fotograma do documental Plastic Planet

Outro traballo destacado, xa de 2009, é Plastic Planet de Werner Boote, tan revelador como devastador, amósanos a nosa relación co plástico, as multinacionais que o producen e as consecuencias do seu emprego sen control.

Bótenlle unha ollada a estes filmes. É moi probábel que nos fagan gañar consciencia da crise do plástico e pensemos en alternativas. Por que non modificamos os nosos hábitos de consumo?

Categorías
THE WILD BLOG

Educar as pequenas no coidado da Terra

Nestes tempos de confinamento e televisión, aproveitemos para revisar coas futuras habitantes da Terra pezas audiovisuais que lles transmitan realidade e esperanza. Promovamos tamén unha mirada crítica fronte ao consumismo irracional

Juan de Castro, Xestor e programador do The Wild Fest

Para comezar forte propoño unha viaxe máxica co filme brasileiro O menino e o mundo, de Alê Abreu. Cun estilo sinxelo e cunha creatividade desbordante, cóntanos a través dos ollos dun neno o descubrimento dun mundo hostil e complexo. Unha marabilla da animación infantil, cun ritmo quedo e silente, que fará tamén acougar os actuais cardíacos cativos.

Non poderían faltar nesta listaxe calquera título do Studio Ghibli, con Hayao Miyazaki á cabeza. Ben a entrañábel O meu veciño Totoro, ben a aventura total de A princesa Mononoke, poden ser un bo arranque para que
nenos e nenas tomen conciencia e partido na defensa da natureza, xa que focalizan nos cativos a acción, empoderándoos nesta tarefa.

Aínda que resulte tópico, sempre lembrarei o filme Cairo Branco como
un certeiro exemplo para entender a parte máis salvaxe da natureza e da fauna. A historia do gran Jack London pode causar unha gran pegada para os desnortados púberes, transmitíndolles esa igualdade entre todos os seres
que poboamos o planeta.

Fotograma do Filme Cairo Branco (1991)

Pouco coñecido e moi conmovedor é o filme Efraín de Yared Zeleke. Cóntanos a historia dun neno etíope que descobre unha nova relación coa natureza e cos animais. Ideal tamén para viaxar a outras realidades xeográficas. Para que os cativos entendan o que pode supor o derretemento dos polos, nada mellor que as imaxes do explorador Robert J. Flaherty en Nanook, o esquimó, filme que aló por 1922 amosaba a insólita vida cotiá dunha familia Inuit.

E remato cunha cinta ben recente e localizada no noroeste ibérico, Entre pastores e lobos, gañadora de dous premios no último Suncine, precioso e máxico relato da necesaria simbiose entre humanos e animais.

Artigo publicado no suplemento APRENDER de NÓS DIARIO (5/1/2021)

Categorías
THE WILD BLOG

The Wild Cinema, unha experiencia audiovisual salvaxe

Contra todo prognóstico e adversidades o festival multidisciplinar The Wild decorreu os días 5 e 6 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia (Vigo), un dos lugares con mellores vistas ás Illas Cíes

Por Juan de Castro, Xestor e programador do “The Wild”

Un evento para familias e público cun alto nivel de concienciación nos seus hábitos de consumo e de ocio, xa que todas as accións do festival orbitan fervorosamente ao redor de tres eixos fundamentais: a ecoloxía, a natureza e vida saudábel.

Inicio con esta pequena crónica, unha serie de artigos co obxectivo de difundir pezas cinematográficas que, ademais de posuír unha rica linguaxe no sector, comungan coa protección do medio e co decrecemento enerxético e de consumo que precisa de nós o planeta.

Partirei da programación do The Wild Cinema, que este ano tivo como liña principal a urxente necesidade de coidado das árbores e das masas forestais. O filme escollido para abrir a sección oficial foi Treeline, the secret life of trees (Jordan Manley 2019), unha fermosa peza documental, galardoada co Gran Premio no Mendi Film Festival, que delata a perda daconexión entre o ser humano e o mundo natural.

Fotograma de O Monte é Noso de Llorenç Soler

Tiveron tamén un espazo importante os montes galegos con O monte é noso (Llorenç Soler 1977) e Eucalyptus (Elena R. Flores, Miguel Souto, 2018) os cales, xunto coa presentación e debate da directiva da Comunidade de Montes de San Miguel de Oia, puxo de manifesto o traballo de recuperación e xestión no último medio século dos montes do mancomún, un dos fenómenos máis ricos, democráticos e construtivos que temos nas nosas terras.

Emprázovos pois á vindeira edición do The Wild, co cinema e todas a súas actividades paralelas. A mensaxe é clara, xeremos conciencia e cultura ecolóxica utilizando para iso todas as ferramentas que temos da nosa man.
A miña é o cinema.

Artigo publicado no suplemento APRENDER de NÓS DIARIO (12/09/2020)