Categorías
THE WILD BLOG

“Mi maestro el pulpo”, ou como facer psicoterapia cun polbo

Juan de Castro | Xestor e programador do The Wild Fest

Cando pensabamos que xa o miraramos todo, este inusual documental sudáfricano codirixido por Pippa Ehrlich y James Reed achéganos a unha historia de amor e simbiose entre unha polbiña e un humano en horas baixas. Si, leron ben.

Os feitos e a obra tráennos o relato do descubrimento por parte Craig Foster, un realizador baixo unha forte depresión, de que a súa terapia sanadora atopábase baixo o mar.

Como no filme Arrival, Denis Villenueve (2016), no que a protagonista experimenta unha conexión moi profunda e sublime con xigantescos cefalópodos extraterrestres, unha conexión emocional e dialéctica; nesta realidade-ficción, é un home e un polbo femia os que tecen unha relación de convivencia e diálogo.

A cinta está confeccionada episódicamente, guiándonos por estes cambios internos que se van producindo nos protagonistas, especialmente grazas á atractiva e suxerente música composta por Kevin Smuts para cada unha destas fases da relación.

O verdadeiramente xenial deste documental radica na sensibilidade coa que está filmada esta unión case obsesiva entre os dous seres que da compañía e costume constrúen unha intimidade e un intenso apego, que súa vez ten un poder sanador para que Craig volva novamente a súa vida e familia.

Fotograma de Mi Maestro el Pulpo

A relación do ser humano cun animal concreto e a súa complicidade como feito de revolución interior xa o temos visto en moitos filmes, mais coido que o curioso desta vez é esta figura tan habitual para os galegos como é o polbo, máis apreciado con pemento moído e aceite que como compañeiro empático de bar ou diván. Ben certo é que os camiños de respecto á natureza son múltiples.

Como buceador e pescador submariño que son, teño moitas veces a oportunidade de relacionarme cos polbos, case sempre con final desgraciado para eles, mais cando son pequenos podo relaxarme observándoos de vagar, e non podo conter a miña admiración por un animal intelixente e marabilloso, seguro que, como para moitas outras relacións o lugar e o momento non foi o noso. O que si teño claro, e esa é a mensaxe da película, é que é un ser moi especial.

Categorías
THE WILD NEWS

Os usuarios do HC San Rafael desfrutan dun día na natureza con The Wild

Paula Cermeño | Responsable de Prensa de The Wild

I 16 usuarios con necesidades especiais do Fogar Social San Rafael achegáronse esta mañá ao Parque Forestal de San Miguel de Oia para desfrutar dunha xornada de actividades na natureza.
I “Un día na natureza” forma parte do programa de accións solidarias do The Wild Fest, o festival de cultura e natureza que se celebrará os vindeiros 4 e 5 de setembro.

Ás 10 da mañá deste mércores, 7 de xullo, 16 persoas usuarias do Area Ocupacional do HC San Rafael achegáronse ao Parque Forestal de San Miguel de Oia para desfrutar dunha xornada de actividades de lecer en contacto coa natureza. Xunto a eles, dúas técnicas do mesmo centro; Óscar Gallego, organizador do The Wild Fest e coordinador da xornada e Simón González, responsable de Territorio Comanche, empresa especialista en experiencias na natureza.

A actividade, bautizada como “Un día na natureza”, enmárcase dentro do programa de Acción Solidarias que The Wild Fest está levando a cabo en colaboración con entidades da contorna durante os meses previos á celebración do festival. O obxectivo é contribuír a trasmitir valores de sustenatibilidade e coidado medioambiental, asumindo un papel activo na transformación social necesaria para crear unha sociedade máis xusta e equilibrada, aliñada cos principios que defende o festival.

A xornada deu comezo cunha andaina polas sendas do monte do Parque Forestal de San Miguel de Oia que achegou aos participantes á fauna e flora do entorno natural vigués. A continuación puideron desfrutar dun ágape no merendeiro do Parque, preciso para coller forzas para a actividade estrela do dia, “A búsqueda do tesouro”, unha proba lúdica na que a rapazada aprendeu destrezas de orientación con mapa e traballo en equipo para a resolución de problemas. Esta actividade tamén estará dispoñible durante o festival baixo o nome de Orientaventura e estará guiada polos especialistas de Territorio Comanche. Como peche da excursión, os participantes fixeron unha plantación simbólica de catro carballos no merendeiro do Parque, durante a cal se lles fixo partícipes da importancia de coidar as especies autóctonas.

Categorías
THE WILD BLOG

“Entre pastores e lobos”, a historia do home e a terra

Juan de Castro · Xestor e programador do The Wild Fest

O documental galego ‘Entre pastores e lobos’ vén de gañar
o Premio do público e o de Cine Sostíbel no prestixioso
Festival Internacional de cine do Medio Ambiente Suncine.
Merecida lombeirada para un filme de fermosa riqueza
etnográfica e natural.

Coa fecunda produción cinematográfica galega de ficción adoitan ser escasos os traballos de carácter medioambiental e de natureza. Unha sorte, pois que Manuel Pedrosa e o seu equipo tiveran a ben traernos un filme tan redondo e puro.

A película lévanos aos vales e prados da Serra da Queixa, aos montes bastos e senlleiros do macizo central ourensán. Estes montes noutrora máis poboados e activos comezan a amosar o seu declive poboacional. Son as testemuñas dos poucos pastores que aínda resisten, os que nos amosan a vida sen domingos nin festivos nestas terras bravas de cabras, lobos e corzos.

Os teimudos e quedos pastores, e a pastora poeta Nieves, por suposto, introdúcennos nunha vida de inmersión e comuñón coa vida apegada a terra e aos seus ritmos, de vagar e en conivencia coas “bestas”, en especial cos queridos por uns e temidos por outros, os lobos. Un animal magnífico, que ligado ao home desde tempos ancestrais está sempre no debate dunha convivencia aínda sen resolver. Sempre perde o máis feble cando o instinto loita contra a orde e o desenvolvemento.

Fotograma do documental Entre Pastores e Lobos

Acompaña en toda a peza unha banda sonora exquisita e o bo facer dos realizadores e biólogos, que ademais dun esmerado guión, construíron con tesón unhas gravacións dos lobos no seu hábitat natural da serra loitando pola súa supervivencia, coma nós. O filme non deixa atrás as tradicións máis místicas e lúdicas desas terras como o adorado Entroido, do cal os galegos somos devotos.

Os nosos montes e os seres que o habitan están mudando. Nuns casos para ben e noutros para mal, segundo para quen, é o equilibrio propio dos ecosistemas. Cando os humanos desaparecen os animais voltan, uns son necesarios pero outros son continxentes. Cales?

Artigo publicado no suplemento APRENDER de NÓS DIARIO (27/03/2021)